Gabriel Alén reafirma o compromiso da Xunta coas entidades sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario

Na visita, esta mañá, á Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e Outras Enfermidades Dexenerativas (AODEM)

  • O delegado territorial puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade, que conta con 172 persoas socias, das que 115 están diagnosticadas de esclerose múltiple, 37 de párkinson e 20 doutras enfermidades
  • Gabriel Alén explicou que a nova convocatoria de axudas incrementa o seu orzamento nun 40 % e que o importe máximo a solicitar polas entidades pasa a ser de 16.000 euros
  • O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata finais de febreiro
  • Tamén recibiron da Xunta axudas na convocatoria de 2021 a Asociación Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, (11.683 €), Renacer Ourense, (7.439 €) e a Asociación Autismo Ourense, (9.361 €).

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, visitou esta mañá a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, ELA, Párkinson e outras enfermidades dexenerativas (AODEM), beneficiaria das axudas que o Servizo Galego de Saúde concede a entidades sen ánimo de lucro para programas sociosanitarios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na visita ás instalacións o delegado territorial puxo en valor o labor que desenvolve esta entidade na mellora da calidade de vida das persoas diagnosticadas de esclerose múltiple, párkinson e outras enfermidades dexenerativas. Do mesmo xeito, o representante do Goberno galego tamén fixo fincapé na importancia de dar visibilidade a este colectivo e concienciar a poboación. Esta entidade conta con 172 persoas socias, das que 115 están diagnosticadas de esclerose múltiple, 37 de párkinson e 20 doutras enfermidades.

O delegado territorial reafirmou o compromiso do goberno galego neste eido destacando que a convocatoria para o ano 2022 destas axudas se atopa en fase de presentación de solicitudes e que incrementa nun 40 % o seu orzamento con respecto á convocatoria anterior, chegando a un crédito inicial de 250.000 euros.

Gabriel Alén explicou que o importe máximo a solicitar polas entidades pasa a ser de 16.000 euros, cando no ano anterior era de 12.000. O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata finais de febreiro.

Agárdase por tanto superar os resultados do ano pasado, no que estas axudas beneficiaron 18 entidades que desenvolveron programas de apoio psicolóxico,  estimulación cognitiva, integración sensorial ou rehabilitación de fisioterapia para pacientes con trastornos do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, enfermidades raras, alzhéimer, ELA e outras enfermidades neurodexenerativas. Tamén parálise cerebral ou dano cerebral adquirido.

Dende Sanidade avógase por incrementar as axudas, xa que se considera que hai un labor de apoio sociosanitario a estes pacientes que vai máis alá dos centros sanitarios e ao que pode atender un tecido asociativo que en Galicia é moi potente.

Axudas e financiamento da Xunta

AODEM recibiu ata o ano 2018 financiamento por parte do Servizo Galego de Saúde para programas de fisioterapia para persoas con enfermidades neurodexenerativas.

Ademais, dende a convocatoria 2019-2020 vén presentando o Programa de psicoloxía clínica na atención das persoas diagnosticadas de esclerose múltiple, ELA, párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas.

Este programa ten como obxectivo proporcionar ás persoas diagnosticadas de EM, ELA, Párkinson ou outras dexenerativas e os seus familiares o apoio psicolóxico preciso para facilitar o proceso de adaptación mediante intervencións individuais, de parella e familiares.

Para acadar este obxectivo elabora plans individualizados de atención ao doente onde realiza a súa avaliación afectivo-emocional, condutual e neurocognitiva, plans individuais de formación e información ás persoas coidadoras. Conta para realizar este traballo cunha profesional da psicoloxía clínica.

No ano 2021, fóronlle concedidos pola Xunta 12.000 euros para o Programa de psicoloxía clínica na atención das persoas diagnosticadas de esclerose múltiple, ELA, párkinson e outras enfermidades neurodexenerativas.

O programa desenvolveuse entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2021. Neste período atendéronse 93 persoas, 60 mulleres e 33 homes. Desagregando por actividade, atendéronse 43 mulleres e 24 homes na intervención psicolóxica individual; e 17 mulleres e 9 homes na familiar.

Os resultados indican que nun 85 % dos casos mellorouse a aceptación da enfermidade por parte do doente así como a súa autoestima e autonomía. Tamén se mellorou nun 90% a carga da persoa coidadora, mediante a coordinación dos horarios de intervención coas familias para permitir o seu respiro. Con respecto ao ano 2020, superáronse as expectativas iniciais da entidade, pasando a atender a 93 persoas fronte ás 79 do ano 2020 e incrementando o número de intervencións ata 401, fronte ás 256 do ano anterior.

Neste senso, tamén recibiron da Xunta axudas na convocatoria de 2021 a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense, por un valor de 11.683 euros; Renacer Ourense, que percibiu 7.439 euros; e a Asociación Autismo Ourense, por un importe de 9.361.