A Xunta comeza as obras de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade na estrada autonómica OU-636 en Larouco

  • A intervención, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, ten un prazo estimado de 4 meses
  • Executaranse cunetas transitables e reforzarase a seguridade nos pasos de peóns nos núcleos de Larouco e da Caseta
  • A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras de mellora da seguridade e da accesibilidade da estrada OU-636 en Larouco.

Estas obras, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, teñen un prazo de execución estimado de 4 meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras desenvólvense na estrada OU-636 ao seu paso polos núcleos de Larouco e da Caseta e consisten na execución de cunetas transitables que conecten coas beirarrúas existentes e na adecuación aos requisitos de accesibilidade os pasos peonís actuais.

No núcleo de Larouco executaranse tres tramos de cuneta transitable de formigón armado que suman unha lonxitude de 190 metros e conectarán coas beirarrúas actuais.

Tamén se reforzará a accesibilidade nos pasos de peóns, dotando as beirarrúas de tramos en rampla e baldosas podotáctiles, ampliando a súa anchura nestes puntos para evitar o aparcamento na aproximación ao paso e mellorar a visibilidade.

No núcleo da Caseta construiranse dous tramos de senda-cuneta entre os puntos quilométricos 19+850 e 19+910. A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica para proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas, seguras e eficientes