Ourense demostra a súa capacidade organizativa nos preparativos para a Coupe da Jeunesse 2022

Na ” winter meeting” desta prestixiosa proba, Manuel Baltar resaltou as condicións da provincia para acoller a competición a nivel de infraestruturas, transporte ou prazas hostaleiras. O presidente da Deputación garantiu “toda a forza e capacidade para xerar as condicións perfectas ás 16 seleccións europeas que disputarán a Coupe da Jeunesse. Será un éxito, e o antecedente de moitas outras probas internacionais”

A presidenta da Federación Española de Remo destaca como esta proba -que se disputa en Castrelo de Miño entre o 5 e o 7 de agosto- supón un paso adiante de Ourense no plano internacional do remo Asunción Loriente tamén lembra o apoio do goberno provincial: “Sen a Deputación hoxe non estariamos aquí”

AVANTAR ACTIVIDADES

O comité organizador comprobará ao longo da fin de semana os preparativos da competición e a organización do Campionato de España de Longa Distancia de remo, que se disputa mañá en Castrelo de Miño tamén co apoio da Deputación de Ourense

Cenlle, 19 de febreiro de 2022.- O balneario de Laias acolleu esta mañá a ” winter meeting” da Coupe da Jeunesse 2022, a prestixiosa competición internacional de remo que se celebrará este ano en Castrelo de Miño entre o 5 e o 7 de agosto. Nesta reunión de traballo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a capacidade da provincia para acoller unha proba deste nivel: “Esta competición poñerá a proba a gran capacidade organizativa que temos no territorio. Son 16 seleccións internacionais, nacións que xa coñecen estas instalacións porque en moitos casos xa viñeron aquí a adestrar no Cerlac e a preparar campionatos do mundo ou Xogos Olímpicos, medallas fabricadas nestas augas”.

Na reunión desta mañá no Balneario de Laias, o comité organizador da competición analizou as infraestruturas, as conexións de transporte ou a capacidade hostaleira de Ourense. Manuel Baltar introduciu todas estas cuestións, remarcando a importancia da chegada da Alta Velocidade -“Ourense é o territorio de Galicia e norte de Portugal mellor conectado con Madrid”- e blindando o apoio do goberno provincial: “A Deputación de Ourense poñerá toda a forza e capacidade para xerar as condicións perfectas de competición ás 16 seleccións europeas que disputarán a proba”.

O presidente da Deputación, que en 2021 recolleu en Linz (Austria) a bandeira que acredita a Ourense como organizador da Coupe da Jeunesse 2022, tamén lembrou esta mañá no balneario de Laias a importancia de xerar sinerxias para desenvolver eventos como este en a “provincia termal de Europa”, a través de institucións que preside como Partenalia -rede europea de gobernos intermedios- ou a EHTTA -asociación de cidades históricas termais de Europa-. E xa en clave de futuro, Manuel Baltar encaixou esta competición como un novo fito na estratexia do termalismo deportivo desenvolvida pola Deputación de Ourense: “Faremos todo o mellor posible para facer unha incrible Coupe da Jeunese. Será un éxito, e o antecedente de moitas outras probas internacionais. Imos traballar duro nesta liña. Demostraremos que en Ourense sabemos facer as cousas, que temos o máis importante, que é a auga, as láminas dos nosos ríos, e que temos unha administración que cre firmemente no crecemento de Ourense, neste caso, a través do termalismo deportivo”.

Un test na antesala da Coupe da Jeunesse 2022

Antes da ” winter meeting”, a organización da competición internacional celebrou a súa asemblea ordinaria, na que se reelixiu como presidente ao británico Gary Harris e designouse a Holanda como o país que acollerá a Coupe da Jeunesse 2023. No encontro estiveron, ademais de Manuel Baltar e Gary Harris, a presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente; a secretaria xeral da Coupe, Gwenda Stevens; Judit Mészáros e Bas Labordus -asesores técnicos da proba-; os presidentes de honra desta competición Patrick Rombaut e Christian Stofer e os delegados dos países participantes -Austria, Bélxica, República Checa, Dinamarca, España, Francia, Gran Bretaña, Hungría, Irlanda, Italia, Holanda, Polonia, Portugal, Suíza, Noruega e Suecia-. No encontro tamén estiveron, entre outros, Javier Soto, xerente do Grupo Caldaria; directivos da Federación Española de Remo ou o presidente da autonómica, José Manuel Seijas.

A presidenta da Federación Española de Remo sitúa esta competición como un paso máis de Ourense no plano internacional de remo: “É moi importante para a provincia, e para a Federación Española de Remo, que celebremos aquí a ‘ winter meeting’ da Coupe da Jeunesse. Ourense xa é coñecido en Europa polos ‘ stage’ de adestramento de moita calidade. Isto é un escaparate buenísimo para Ourense porque virán 16 países europeos a vernos de preto, a coñecer o que se fai aquí, a calidade da auga. E a ver a capacidade organizativa de Ourense”.

Ademais da asemblea ordinaria e a ” winter meeting” da proba do 2022, os participantes nesta reunión asistirán aos preparativos do Campionato de España de Longa Distancia de Remo -que se celebra mañá domingo en Castrelo- e visitarán varios hoteis da zona. “Verán toda a organización da competición desta fin de semana -resalta Asunción Loriente-. Co cal van ver que é perfectamente posible organizar probas internacionais aquí, verán que a calidade da auga é incrible e, por suposto, tamén o ben que lles acolle Ourense”.

Alianza da Deputación de Ourense e a Federación Española de Remo

O presidente da Deputación analiza a importancia desta competición como o froito dun longo proceso: “Este é o resultado dun traballo de moito tempo, de contar coas augas de Laias, Castrelo ou Arnoia e da alianza que temos desde hai anos coa Federación Española de Remo -que celebrou aquí o seu centenario-, coa súa presidenta empuxando para que Ourense albergue esta Coupe da Jeunesse en 2022”. En paralelo, Asunción Loriente destacou o “apoio fundamental” do goberno provincial: “Sen a Deputación non estariamos hoxe aquí, ao final foron os que deron o paso adiante, os que comprometeron o investimento necesario e os que nos están apoiando desde o primeiro día”.

A primeira competición internacional de remo que acollerá Ourense

A Coupe da Jeunesse é unha proba de remo que se desenvolve cada ano entre os mellores remeiros de dezaseis países de Europa con idades entre os 16 e os 18 anos. Con case catro décadas de historia, a Coupe supoñerá para a provincia de Ourense organizar a primeira competición internacional de remo, despois de consolidarse como un referente para os adestramentos das mellores seleccións nacionais e como sede de probas autonómicas e nacionais, como o xa mencionado Campionato de España de Longa Distancia de remo que se celebra mañá en Castrelo de Miño tamén co apoio da Deputación de Ourense.