O BNG pide que o Centro de menores de Montealegre volva á xestión pública

A formación nacionalista rexistra iniciativas para, aproveitando que o procedemento de nova contratación privada vén de decaer por “chapuza” da Xunta, instar a rectificar e que se retorne á xestión pública directa e se vele polos dereitos dos e das traballadoras actuais.

O BNG rexistrou no Parlamento Galego iniciativas para, unha vez vén de decaer o procedemento de nova contratación privada para a xestión e dirección do centro de menores de Montealegre por non incorporar a información pertinente respecto dos e das traballadoras a subrogar, a Xunta rectifique e devolva o centro a mans públicas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Noa Presas, deputada por Ourense, recordou que “este centro era de xestión pública e foi no ano 2012 cando a Xunta o pechou coa coartada dunhas obras de mellora, estivo así seis anos e despois de máis de dous millóns de euros a Xunta privatizouno, tal e como advertiamos sindicatos e oposición”.

Presas recorda que “xa no 2012, o BNG alertaba de que esta operación viña acompañada dunha serie de indicios que facían ver a súa posíbel privatización, como o feito de modificar a relación de postos de traballo para amortizar os postos temporais e desprazar os fixos para outro centro”, ao que engade “andado o tempo, en marzo de 2018 o PP privatizouno e isto foi contestado tanto polas forzas sindicais como polo propio Colexio Oficial de Educadoras e Educadores Sociais de Galiza xa que non se garantían as titulacións adecuadas ata que se presionou”.

Para o BNG é o momento de corrixir este erro, “cuestión especialmente grave cando estamos a falar da intervención no ámbito da protección, custodia e educación de menores”.

Segundo Noa Presas, “a estabilidade do persoal incrementa con moito as posibilidades dunha intervención con éxito e é pouco eficiente que o persoal que vai adquirindo experiencia sexa substituído por outro novo ben polo remate da concesión ben polas condicións laborais, polo tanto o mellor é a xestión pública e ademais é o que recomendan as directrices profesionais”.