O coworking da Mancomunidade do Carballiño, no Irixo, conta con 20 propostas de proxectos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe na presentación dos tres novos coworkings que a Xunta impulsa na comarca de Valdeorras; na Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo) e o Parque Tecnolóxico de Galicia- Tecnópole, destacando que estes espazos de emprendemento, que seguen abertos á presentación de solicitudes, teñen garantido o seu éxito con preto de 60 proxectos xa inscritos.

Tal e como explicou a idea é que o número de proxectos en cada coworking se sitúe entre 16 e 22, adiantando que no espazo que se vai desenvolver na comarca de Valdeorras xa hai 18 inscritos; 20 na Mancomunidade do Carballiño e 19 na Tecnópole.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tras a realización das cinco edicións anteriores desta iniciativa que se leva a cabo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), frutificaron na provincia de Ourense un total de 89 empresas, e creáronse 122 empregos. A nivel galego, un 54% dos proxectos que pasaron polas diferentes edicións dos coworkings que se foron convocando consolidáronse como empresas. Así, son en total 384 novas inciativas, que permitiron a creación de 624 empregos en municipios localizados no rural, favorecendo a cohesión social e territorial.

Ademais, case a metade dos participantes nas diferentes edicións que se convocaron destes coworkings foron mulleres, en concreto 489, algo que, tal e como sinalou Conde, tamén anima a proseguir con esta iniciativa, e con outras medidas dirixidas máis concretamente a impulsar o emprendemento feminino, como o novo programa de capacitación dixital que se vén de poñer en marcha e no que van poder participar máis de 10.000 mulleres no rural galego.