O delegado da Xunta en Ourense supervisa as obras da travesía de Trasariz, en Cenlle

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado do alcalde de Cenlle, José Manuel Rodríguez, a senda que se está a executar na travesía de Trasariz, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste máis de 170.000 euros. Trátase dunha actuación integral para favorecer o tránsito seguro dos veciños, mellorar a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e contribuír a adecentar o contorno da Casa do Concello.

O delegado territorial puxo en valor a suma de esforzos da Xunta e o Concello para facer máis humana e mellor adaptada á mobilidade peonil, esta travesía de titularidade autonómica, de preto de 450 metros de lonxitude, que conecta un treito antigo da N-120 co núcleo de Trasariz.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As actuacións que se están a desenvolver permiten a execución dunha senda pavimentada e con bordo de formigón a ambos os dous lados, como separación co propio pavimento da travesía. Os traballos inclúen a instalación de tubos e sumidoiros para lograr a correcta drenaxe da escorrenta superficial e, tamén, xunto ao edificio do Concello, a execución dun muro de contención coa fin de lograr un maior espazo para dar cabida á senda. Ademais, renóvase a sinalización vertical e horizontal ao longo da travesía.

Gabriel Alén lembrou que hai un ano a Xunta transferiu a titularidade da travesía ao Concello, de xeito previo á licitación das obras de reforma. Co cambio de titularidade, o Concello de Cenlle asumiu a conservación e mantemento e pode actuar sobre de acordo coas súas características, sen ser de aplicación as restricións da normativa autonómica de estradas, como por exemplo as limitacións de usos ou actividades nas súas marxes ou os accesos.

A Xunta continúa traballando a prol da mellora das infraestruturas e polo fomento dunha mobilidade a pé máis segura e sustentable, tamén nos municipios máis pequenos coma este de Cenlle, contribuíndo á calidade de vida dos seus veciños.