O BNG pídelle ao Goberno Local que deixe de xogar ao Monopoli cos intereses do concello e convoque á maior brevidade unha comisión monográfica para falar do PXOM

Así o reclamaron a través dun escrito presentado por rexistro e dirixido á concelleira delegada de urbanismo e no que solicitan a convocatoria urxente da comisión do PXOM “para que se aclaren as moitas dúbidas que hai a respecto do actual documento”

Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, as declaracións da Concelleira de urbanismo, Sonia Ogando a un medio de comunicación fai que sexa máis urxente que nunca a convocatoria da comisión do PXOM, comisión na que estean presentes todos os Grupos Municipais, os técnicos do concello e o equipo redactor e na que a concelleira “ofreza toda a información que levan meses ocultando”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a formación nacionalista non é serio e constitúe unha falla de respecto ao resto de Grupos que tanto PP como DO adiquen os medios de comunicación para criticarse ao tempo que levan meses ocultando información referida ás modificacións que se pretenden introducir no documento e que fan que actualmente a tramitación do mesmo estea paralizada.

Segundo o portavoz nacionalista no concello Luis Seara “as declaracións da concelleira nas que afirma que algunha das modificacións previstas son, ao seu entender, perigoras, son o suficientemente graves coma para que nos sentemos todos, e as coñezamos pormenorizadamente”, ao que engade, “é unha tomadura de pelo que desde hai meses se lle estea reclamando información e documentación á concelleira sobre cales son esas modificacións e non soamente leve meses sen ofrecer ningún dato senón que agora afirma públicamente que algunhas delas son perigosas”.

Por este motivo, veñen de solicitarlle por escrito e a través de rexistro á concelleira de urbanismo a convocatoria urxente da comisión do PXOM para “poder coñecer polo miúdo cal é a situación actual do documento e coñecer os cambios que se pretenden introducir nel”.

No BNG lembran que “lévase perdido moito tempo, ao non ter feita unha nova exposición pública, tal e como pedía o BNG, para que as veciñas e veciños coñeceran cales foron as modificacións introducidas no seu momento polo PP, que ao noso entender, e de algún técnico municipal, son sustanciais, un documento destas características, imprescindible para o desenvolvemento socio – económico do concello non pode xestionarse de tapadillo”.