O Carballiño celebrará o Entroido con charangas e animación de rúa esta fin de semana

O Carballiño celebrará o Entroido esta fin de semana, aínda que de xeito reducido. Para o sábado haberá animación de rúa dende as 18:30 horas ata as 22:30 horas a cargo das charangas Castro Bello, Feitizo de Pau e Santa Compaña. E o domingo, ás 17:30 horas, Os Liborianos e das 19 ás 21 horas Festicultores Troupe.

O domingo de Piñata o Carballiño celebrará a tradicional Festa da Cachucha, onde un gran número de locais da hostalaría carballiñesa serán os protagonistas. Un total de 23 establecementos manteñen as reservas abertas para que tanto veciños coma turistas desfruten dun menú típico de Entroido.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén o concello de Maside anunciou que celebrarán o seu tradicional desfile o luns día 28, ás 17:30 horas dende a Alameda, percorrendo a rúa principal, a rúa Rodríguez Soto e rematando na Praza. Nel participarán os Felos de Maside e as tres comparsas da vila: os Arrieriños de Dacón, os Azucarados de Maside e Os Silleiros.