O Psedg afirma que “reverterá á xestión pública a privatización da recollida do lixo impulsada polo concello e deputacion”

. O PSdeG-PSOE reverterá á xestión pública a “brutal privatización” do servizo de recollida do lixo que presta a Deputación de Ourense, impulsada a dedo por Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome e que suporá unha “ecatombe” para decenas de miles de veciños e veciñas da provincia. Así o anunciou o deputado, Nacho Gómez, durante o debate dunha iniciativa socialista no pleno celebrado hoxe na que se reclamaba a paralización inmediata deste proceso, que foi rexeitada por PP, Democracia Ourensana e pola tránsfuga, Montse Lama.

A moción reclamaba “paralizar definitivamente” esta privatización e “reforzar” o servizo cun modelo integral baseado nunha xestión pública cento por cento, non mercantil, sen ánimo de lucro, transparente e sostible. Igualmente esixía “absterse de adoptar calquera decisión, no presente ou no futuro, que supoña un retroceso, externalización ou privatización”.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Moitos dos alcaldes e alcaldesas de camiseta azul, algúns moi preto de donde estamos, non están dacordo e piden ao PSOE que sigamos a defender o modelo público” destacou o deputado antes de anunciar que os e as socialistas “imos tratar de paralizar desde os municipios e desde esta bancada o proceso”. “Non permitiremos isto” proclamou Gómez e, no caso de que suceda, “encargarémonos en 2023 de devolverlle o carácter público cando esteamos presidindo esta deputación”.

Desde o grupo provincial socialista advertiron que os conservadores “non poden privatizar á forza” un servizo que a Deputación ourensá ten delegado por parte de decenas de concellos con argumentos “pasaxeiros e de carácter exclusivamente político”. “Os informes non conclúen beneficios para a veciñanza; unha rebaixa dos custes; melloras na sostenibilidade económica ou incremento algún da eficacia e a eficiencia”, advertiu Gómez quen tamén denunciou que van “reducir drasticamente” os contedores nos pobos ou os horarios de recollida.

O deputado do PSdeG-PSOE concluíu sinalando que “vimos a este pleno a construír” sempre con “propostas” para “mellorar” a vida da veciñanza e “deixando as psicofonías para programas de televisión”.

Este servizo en réxime de competencia delegada abarca 74 dos 92 concellos da provincia. A Deputación tamén realiza a recollida selectiva de envases lixeiros en 17 concellos; de papel e cartón en seis concellos e de vidro noutros nove concellos. Igualmente asume o servizo de punto limpo en 64 concellos. Os medios materiais suman 40 vehículos, uns 18.000 contedores, 17 puntos limpos e 11 plantas de transferencia.

Unidades para tratar a silicose en Ourense e Pontevedra

O PSdeG-PSOE aplaude que o pleno da Deputación Provincial aprobase este venres a iniciativa socialista para a creación de dúas unidades de referencia en Ourense e Pontevedra, para a prevención e tratamento da silicose. O acordo recolle unha “necesaria reivindicación” realizada desde os sindicatos e a patronal da lousa, co fin de “mellorar substancialmente a atención” aos doentes, “evitando traslados ata Oviedo, debido aos altos custes económicos e persoais que iso supón para eles e as súas familias” e dada a “elevada incidencia deste problema na nosa comunidade autónoma”, especialmente en Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra.

“O 33 % dos casos de silicose de toda España estanse a dar na provincia”, salientou o deputado, Aurentino Alonso tras destacar como “imprescindible” e “perentorio” mellorar a atención a unha enfermidade que “non ten cura” e que afecta ao sistema respiratorio pola inhalación mantida da sílice cristalina, vinculada ás actividades de minería. Ante o agravamento da situación, cunha multiplicación por dez no número de casos e afectando a persoas cada vez máis mozas, empresarios, empresarias e sindicatos incluíron esta demanda no último convenio colectivo da lousa.

Sobre a solicitude do BNG a respecto da creación desta unidade de referencia no Hospital de Valdeorras, Alonso matizou que “inicialmente valoramos reclamar o servizo para ese hospital comarcal, pero os técnicos e técnicas consultados explicaron que debe estar nun centro sanitario potente preto da zona afectada que conte con todos os servizos médicos, especialmente o de pneumoloxía” e “na nosa provincia é o hospital da capital”, mais “tamén reclamamos que un neumólogo se achegue semanalmente a este hospital comarcal”.

A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación provincial, reclama á Xunta á creación de “dúas unidades de referencia” dentro da rede pública do Sergas –unha en Ourense e outra en Pontevedra– para a “diagnose, detección, valoración, seguimento e tratamento”. Tamén insta á posta en marcha dun “programa integral sobre a silicose” coa participación das consellerías de Emprego, Sanidade e Industria que inclúa “formación, protocolos de actuación, control e investigación”.

Igualmente demanda a implantación no Hospital de Valdeorras dunha “unidade de pneumoloxía, coordinada coa do hospital de referencia da provincia, para o seguimento periódico de doentes”, debido á elevada incidencia de casos nesta comarca. Así mesmo pide ao goberno bipartito de PP e DO que manifeste publicamente o “compromiso de defender os intereses da veciñanza”, esixindo á Xunta o cumprimento destas necesidades.