Manuel Baltar e o director Ángel de la Cruz selan un acordo de colaboración para a rodaxe en Ourense da película O home e o can

O presidente da Deputación destacou que este é un novo paso para transformar a provincia nun gran plató: “é a terceira película que se rodará este ano na provincia”. Unha aposta segura que se traduce “en que a gala dos premios Mestre Mateo se celebre o próximo ano en Ourense” 

Destacou a figura do director, “un gran colaborador do Festival Internacional de Cine e premiado con varios Goya, que elixiu Ourense” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Agradecido polo apoio da Deputación e o seu presidente, Ángel de la Cruz explicou que este proxecto “é unha homenaxe ao neorrealismo que se rodará en branco e negro, una estética que para unha cidade como Ourense, tan de pedra, quedará fantástica” 

Con Manuel Manquiña como protagonista, a película “é un drama que conta unha historia emotiva, entrañable, con momentos de humor, sobre a soidade dos maiores, o avellentamento da poboación e o abandono do rural”  

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o  director Ángel de la Cruz, selaron un acordo de colaboración que converterá de novo á provincia de Ourense nun plató de cinema coa rodaxe da película O home e o can. Un drama que se grabará en branco e negro en San Cristovo de Cea e na capital co actor Manuel Manquiña como protagonista. Ángel de la Cruz, acompañado polo responsable da produtora Ézaro Films, José Montero, explicaron ao presidente provincial os detalles dunha produción que “encaixa nesa andaina que levamos anos facendo desde a Deputación apostando polo cinema galego”, subliñou o propio Manuel Baltar logo da reunión. 

O presidente provincial destacou a figura do director da longametraxe, “un gran colaborador do Festival Internacional de Cine e premiado con varios Goya, que elixiu Ourense, falou coa Deputación e nós dicímoslle que esta historia, que ten moito que ver co neorrealismo italiano, se rode en Ourense”. 

Este é un novo paso para transformar a provincia nun gran plató para as producións audiovisuais, sinalou, pois “esta é a terceira película que se rodará este ano na provincia, logo dos proxectos anunciados por Jaime Chávarri –La manzana de oro-, e Ramón Campos -13 Exorcismos-. Unha aposta segura que se traduce “en que a gala dos premios Mestre Mateo se celebre o próximo ano en Ourense”. Ademais, engadiu, “está ese extra que supón o recoñecemento ao cinema ourensán cos premios Goya para ValentinaThe Moonkey, e o actor Chechu Salgado, que agora mesmo roda Motel Valquirias, outra produción na que tamén participa a Deputación xunto coa Radio Televisión Portuguesa”. 

Con esta liña de traballo, a edición número 27 do Festival de Cine, que dirixe Miguel Anxo Fernández,  “seguro que vai ser todo un éxito, e onde vemos como películas gañadoras de anteriores edicións triunfaron despois a nivel internacional”. 

Agradecido polo firme apoio atopado na Deputación e no seu presidente, Ángel de la Cruz explicou que este proxecto “é unha homenaxe ao neorrealismo que se rodará en branco e negro, una estética que para unha cidade como Ourense, tan de pedra, quedará fantástica, con esa dobre vertente e contraste entre modernidade e tradición”. Fronte a uns tempos “nos que priman as películas con grandes orzamentos e demasiados efectos especiais”, Ángel de la Cruz propón “un drama que conta unha historia emotiva, entrañable, e ata con momentos de humor, sobre a soidade dos maiores, o avellentamento da poboación e o abandono do rural”.  

Manuel Manquiña é o protagonista principal “nun papel pensado desde o principio para el, que seguro lle permitirá lucirse, e cun rexistro ao que o espectador no está acostumado a ver”. Actores coñecidos pero intérpretes tamén noveis “como Paula Chaves, que vai dar o paso desde a música, como cantante, ao cine”. Gonzalo Uriarte, Estíbaliz Veiga, Isabel Blanco e Manuel Lourenzo completan o reparto. 

A rodaxe de O home e o can principiará en marzo nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea, localización onde se inicia e remata a historia, aínda que o resto da película transcorrerá nunha vintena de escenarios da capital, ademais dalgunhas escenas no polígono de San Cibrao das Viñas. 

Tres premios Goya por producións de animación 

Ángel de la Cruz (A Coruña, 1963) é o gañador de tres premios Goya á mellor película de animación por O Bosque animado (2001); O sono dunha noite de San Xoán (2005); e Engurras (2011), tamén distinguida co premio ao mellor guión adaptado. Ademais doutras longametraxes de ficción, películas para televisión e documentais, vén de rematar outra nova produción de animación, Memorias dun home en pixama. Na súa faceta docente, imparte obradoiros, clases maxistrais, seminarios e máster en escolas e universidades nacionais e internacionais sobre guión, animación, dirección e produción cinematográfica. Bolseiro de honra desde hai 12 anos na facultade de Ciencias Sociais e Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, publicou tamén o libro-manual titulado A escaleira de papel, no que relata a súa experiencia no oficio de guionista, director e produtor executivo.