NOTA INFORMATIVA DO PSDEG-PSOE DE LEIRO
O Psdeg-Psoe de Leiro abandona o pleno extraordinario ante a falta de transparencia do goberno municipal e as políticas “clientelares” do alcalde do partido popular
Os socialistas amósanse especialmente críticos coas “malas artes” do rexedor que optou por converter un pleno ordinario en extraordinario e deste xeito impedir a presenza de mocións dos grupos da oposición
O voceiro do PSdeG-PSOE, Manuel Rodríguez, afirma que “tomamos esta decisión en defensa dos dereitos dos veciños e veciñas de Leiro, xa que o PP está pisoteando aos mesmos e os seus dereitos”
O PSdeG-PSOE de Leiro abandona o pleno extraordinario celebrado esta mañá ante a falta de transparencia do goberno municipal e as políticas “clientelares” e “caciquís” do alcalde do Partido Popular, Francisco José Fernández. Os socialistas amósanse especialmente críticos coas “malas artes” do rexedor que optou por converter un pleno ordinario en extraordinario e deste xeito impedir a presenza de mocións dos grupos da oposición e tratar de “coartar” a súa liberdade de expresión, nun exercicio propio das “ditaduras”.
Dende o Grupo Municipal Socialista aproveitaron a súa intervención para explicar os motivos polos que ían abandonar o pleno e relataron que levan 4 anos tentando “fiscalizar” a xestión deste Concello, pero segundo apuntan “foi imposible xa que as contas anuais aprobadas non pasan a fiscalización do interventor”. Os socialistas amósanse especialmente críticos coa “externalización” da maioría dos recursos públicos, que segundo afirman “se delegan sen seguir o máis mínimo control real e honesto por parte do alcalde e senador do Partido Popular”.
No pleno extraordinario o goberno municipal presentou a aprobación dos pagos a Mancomunidade do Ribeiro de 2021 e o orzamento de 2022, pero tal e como afirman dende o PSdeG-PSOE de Leiro “non houbo opción de que a oposición poida pedir aclaracións ante as mentiras e manipulacións do alcalde”. Os socialistas fan fincapé nas “continuas mentiras de Fernández nos medios de comunicación”, onde tal e como afirman “pregoa iniciativas e medidas que finalmente nunca cumpre”.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, esta decisión de abandonar o pleno ven motivada por “hixiene democrática”. O edil socialista afirma que “tomamos esta decisión en defensa dos dereitos dos veciños e veciñas de Leiro, xa que se están pisoteando aos mesmos e tamén os meus dereitos como membro da oposición”. Denuncia que a actitude de “soberbia, arrogancia, prepotencia e obstinación do alcalde teñen sumido a Leiro no absoluto desleixo e abandono”, motivo polo que esixe que “democracia” e pór fin as políticas “clientelares e caciquís que afogan o noso concello”.
Rodríguez Vázquez aposta por un xiro “total” nas políticas municipais e nas que prime a transparencia que “permita arroxar luz á actuación dos poderes públicos e sexa un instrumento fundamental para previr un mal goberno como o do señor Fernández, no que priman a opacidade, o segredo e a ocultación de información”. O voceiro socialista tamén lle esixe ao alcalde do PP “exemplaridade” para “fortalecer os valores colectivos e que opte por condutas que promovan a decencia política no noso concello”. Manuel Rodríguez lémbralle tamén ao rexedor que “o abuso de poder consiste precisamente en exercelo á marxe das normas para favorecer ilexitimamente determinados intereses” e remarca que o “uso indebido dos orzamentos públicos, sen controis, é un claro exemplo de malas prácticas e do mal goberno”.