Valentín González Formoso defende en Ourense ao Psdeg como alternativa de goberno

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Valentín González Formoso defende en Ourense ao Psdeg como alternativa de goberno: “fronte a Feijoo, Jácome e Baltar, tócanos sacar adiante o mellor da política”

O secretario xeral do PSdeG reivindica os valores socialdemócratas para garantir o estado de benestar fronte a populismos, localismos e extremismos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

González Formoso clausurou hoxe o congreso do PSdeG de Ourense, no que culminou a reelección de Rafa Villarino como secretario provincial

. O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, defendeu hoxe en Ourense ao PSdeG como clara e necesaria alternativa de goberno fronte ao modelo “caciquil” que representan Feijoo, Jácome e Baltar. Con este obxectivo, o líder socialista fixo un chamamento a “sacar adiante o mellor da política e impulsar os valores da socialdemocracia en cada unha das nosas decisións”.

O secretario xeral do PSdeG clausuraba así o congreso provincial do PSdeG de Ourense, no que culminou o proceso de renovación orgánica e a reelección de Rafa Villariño como secretario provincial. Alí, Valentín González Formoso reivindicou a política que está a levar a cabo o Partido Socialista dende cada unha das institucións nas que goberna, “con políticas en beneficio da cidadanía con independencia do partido ao que voten ou de quen goberne no municipio no que residen”.

“Nós non facemos”, subliñou, “como fai Baltar ou como fai Feijoo, e sabemos que os ríos necesitan ser depurados, que os nenos necesitan escolas infantís e que os maiores precisan centros sociais aínda que haxa un alcalde doutra cor política”. “Esa é a nosa obsesión e orgullo: estar ao carón da xente, repartir con criterios obxectivos e en base ao principio de igualdade de oportunidades”, afirmou en referencia á xestión que se está a facer dende as deputacións provinciais e concellos gobernados polo PSOE.

Por outra banda, Valentín González Formoso criticou que, nos peores momentos da pandemia, Feijoo deixase de ser o presidente de todos os galegos e galegas para ser o portavoz da oposición ao goberno do Estado, “algo que agora parece que se vai oficializar”.

Ao fío disto, o secretario xeral do PSdeG lamentou a guerra interna que está a vivir o PP e que nos amosa a formacións onde “todo vale”. Neste contexto, advertiu que “non se pode seguir sobre a base de tapar a corrupción, porque se lle está facendo un grave dano á democracia”.

Noutro eidos, reprochoulle a Feijoo a súa postura contra “acordos históricos” como da reforma laboral ou o das pensións públicas e o seu rexeitamento á Lei de vivenda, que o levou a renunciar a aplicar o bono alugueiro prexudicando a centos de mozas e mozas galegos.

Tamén se referiu ás críticas de Feijoo e do PP á xestión dos fondos europeos. “A quen se lle fai dano así”, remarcou González Formoso, “non é a Pedro Sánchez nin ao PSOE, senón ao propio país e ás empresas que aspiran a estes fondos europeos para seguir sobrevivindo no mercado”.

Fronte a este tipo de actitudes políticas -e nun momento difícil no mundo por mor da guerra en Ucrania- González Formoso incidiu en que “cobra valor máis que nunca a socialdemocracia e o exercicio da liberdade, esa palabra tan bonita que nunca está garantida e que o PSOE leva regando dende hai 142 anos”. “Son eses valores socialdemócratas”, dixo, “os que permitirán salvagardar dereitos que temos a obriga de preservar para as xeracións futuras”.

Así, animou a sacar “o mellor de nós mesmos para non darlle oportunidade a populismos, localismos, nacionalismos ou extremismos que poñen en risco o sistema de benestar deseñado polo socialismo para garantir a igualdade de oportunidades e a xustiza social”. “Eses valores son os que marcan cada unha das actuacións”, sentenciou.

Finalmente, Valentín González Formoso remarcou que “é a hora do Partido Socialista de Galicia” e “tócanos ser capaces de ilusionar, de traballar en positivo e de chamar atención dunha Galicia que non se conforma nin se resigna e que, por suposto, non é o graneiro de votos de ningunha formación política nin a reserva ideolóxica do PP”.

Coa finalidade de traballar para ser “unha ferramenta útil para a sociedade”, o secretario xeral do PSdeG, lembrou que “é preciso manter unha interlocución constante coa cidadanía” e que, nese obxectivo, “somos necesarios todos e cada un de nós”, concluíu.