Afundación convoca a XLIII edición do Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba

IES CHAMOSO LAMAS

I Para artigos escritos en castelán e publicados ao longo de 2021, está dotado con 10.000 € para o artigo gañador e pezas artísticas de autoría para as persoas finalistas

I O prazo para presentarse remata o 30 de xuño

HIPER MASIDE

Afundación, a Obra Social de ABANCA, convoca a XLIII edición do Premio Internacional Afundación de Xornalismo Julio Camba, dotado con 10 000 € para o artigo gañador e con pezas artísticas de autoría para as persoas finalistas. O prazo de envío de traballos, escritos en castelán, finalizará o próximo 30 de xuño. As bases están dispoñibles AQUÍ. A Obra Social de ABANCA conmemora con esta convocatoria o sesenta aniversario do pasamento do senlleiro xornalista, tal día coma hoxe.

A esta nova convocatoria pódense presentar todos aqueles artigos incluídos no xénero de xornalismo literario ou ben no de artigo de opinión, coa única condición de que só se pode achegar un texto por autor que fose recollido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2021 en calquera medio de comunicación, impreso ou dixital, de cabeceiras recoñecidas, tanto españolas como internacionais. A extensión máxima será de dúas páxinas no caso das edicións impresas e o seu equivalente no soporte dixital. As autoras ou autores poderán presentarse a título individual ou tamén poderán facelo no seu nome institucións públicas ou privadas, academias ou fundacións do ámbito de fala hispana que o consideren oportuno.

O xurado, formado por profesionais no campo xornalístico, literario e/ou académico, dará a coñecer inicialmente os tres artigos finalistas preseleccionados e, posteriormente, a persoa gañadora desta XLIII edición no transcurso da gala de entrega do galardón.

A persoa elixida sumarase á extensa nómina de premiadas e premiados desde a primeira edición en 1980: Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero, Cristina Sánchez Andrade, Luís Pousa e Bibiana Candia, gañadora da pasada edición.

JULIO CAMBA

Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962) pertence á estirpe dos grandes escritores que desenvolveron boa parte da súa actividade nos xornais, do mesmo xeito que Wenceslao Fernández Flórez, Josep Pla, Azorín, Álvaro Cunqueiro, Max Aub, Corpus Barga… Personaxe de biografía viaxeira, correspondente en distintos países, autor de espírito libre e talante liberal, a súa obra foi recollida en diversos volumes e é estudada tanto nas facultades de Literatura como de Xornalismo. Entre os seus títulos máis coñecidos destacan Haciendo la República (1934), Aventuras de una peseta (1942), La ciudad automática (1942), Alemania, impresiones de un español (1947), La rana viajera (1947), Un año en el otro mundo (1959), La casa de Lúculo o el arte de comer (1961), etc. A súa obra caracterízase pola imaxinación e o humor, a capacidade de observación e un espírito crítico, literario, que captura ao lector con intelixencia e extraordinaria eficacia, valores que se procuran mediante a convocatoria deste premio.