Encontro de Manuel Baltar co presidente da Federación Española de Bancos de Alimentos

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde unha reunión do presidente de Fesbal, Pedro Llorca, con representantes dos Bancos de Alimentos de Galicia, no marco preparatorio da visita que realizará mañá a raíña Sofía ás instalacións da entidade benéfica ourensá

O presidente da Deputación remarcou a “honra” de que Ourense acolla un acto como o de mañá e aplaudiu o traballo diario do Banco de Alimentos: “Este goberno provincial colabora especialmente con esta entidade, en tempos tan complicados como a pandemia, duplicando a nosa achega”

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro esta tarde co presidente da Federación Española de Banco de Alimentos ( Fesbal), Pedro Llorca. O encontro está enmarcado dentro dos preparatorios da visita que realizará mañá, 1 de marzo, a raíña Sofía ao Banco de Alimentos de Ourense, con motivo do 25 aniversario da fundación desta entidade benéfica.

Ao acabar o encontro, o presidente da Deputación sinalou que “é unha honra que Fesbal escollese Ourense para un acto tan importante”. Manuel Baltar remarcou o traballo do Banco de Alimentos e a implicación da Deputación: “Este goberno provincial colabora especialmente con esta entidade, especialmente en tempos tan complicados como a pandemia, duplicando a nosa achega. O Banco de Alimentos sabe que sempre estamos á súa disposición: o meu recoñecemento a todo o seu traballo, unha entidade ben valorada e moi necesaria”.

Reunión con representantes dos Bancos de Alimentos de Galicia

O día antes da visita da raíña Sofía ao Banco de Alimentos de Ourense, o centro cultural Marcos Valcárcel acolleu esta tarde unha reunión con representantes dos Bancos de Alimentos de Galicia -entre eles o ourensán, Cecilio Santalices-, á que se sumou o presidente da Deputación de Ourense. Neste encontro de traballo estiveron presente o presidente de Fesbal, Pedro Llorca; o tesoureiro nacional de Fesbal; o presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices; a presidenta do Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña, Conchi Rey; o secretario do Banco de Alimentos de Vigo, Eusebio Garre; o vicepresidente do Banco de Alimentos de Vigo, Apolinar Quinteiro e a presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez.