A Xunta anuncia a creación de 12 novas casas niño na visita ós centros de Beade e Leiro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova orde de axudas para crear 12 novas casas niño e superar así os 100 centros repartidos por toda a Comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá os centros de Beade e Leiro, onde anunciou a apertura desta convocatoria.

Pola súa parte, estiveron tamén acompañados polo alcalde de Leiro, que agradeceu a visita da conselleira, neste caso á casa niño, e tamén noutras ocasións ó servizo para maiores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Fabiola García lembrou que hai seis anos que se concederon as primeiras axudas para a posta en marcha deste servizo de atención á infancia no rural, e na actualidade xa son 89 as casas niño en funcionamento. Con esta nova convocatoria ofertaranse 60 prazas de atención máis grazas á apertura de 12 novos centros.

Neste sentido, a conselleira de Política Social destacou que estes centros ofrecen unha atención profesional para as nenas e nenos de 0 a 3 anos, permiten que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal, fomentan a creación de emprego nas zonas rurais e mesmo lle dan unha nova vida a vellos establecementos dos municipios rurais.