O Psdeg de Nogueira de Ramuín denuncia a parálise total que sofre o concello

O PSdeG-PSOE de Nogueira de Ramuín denuncia a “parálise total” que sofre o municipio da man dun goberno do Partido Popular centrado en “leas internas” e que deixa de lado os “intereses e necesidades” dos veciños e veciñas. Os socialistas critican que a veciñanza non atopa quen lle dea respostas nin solucións as súas preguntas e reclamacións e afirman que os problemas “van en aumento” ante a deixadez do goberno municipal.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que día a día xorden nos diferentes núcleos de poboación “numerosos problemas” como a instalación da fibra óptica “na que o goberno municipal desentendeuse por completo e non dan ningún tipo de indicacións nin botan unha man á veciñanza para arranxar estes atrancos”. Os socialistas tamén denuncian o “abandono” que sofren as diferentes parroquias e aldeas, na que os vellos postes de madeira da luz pública “xa inutilizados”, seguen sen ser retirados. Unha situación que tamén se repite coas canalizacións de abastecemento de auga, que teñen máis de trinta anos de antigüidade, e a pesar dos continuos problemas, perdas de auga e roturas das mesmas, o goberno municipal “continúa sen substituílas”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Nogueira de Ramuin tamén critica a “ausencia total” de actuacións nos diferentes núcleos de poboación “abandonados a súa sorte polo alcalde e polos seus concelleiros e concelleiras do Partido Popular”. Unha situación que para os socialistas é “moi preocupante”, xa que tal e como manifestan “non hai un plan de traballo, nin unha folla de ruta e estanse perdendo subvencións por non presentarse as solicitudes a tempo”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Nogueira de Ramuín, Óscar Sánchez Yáñez, tamén denuncia a “ausencia total de planificación” por parte das autoridades locais e pon como o exemplo a festa do Entroido “na que a veciñanza tivo que marcharse a outros municipios ante a ausencia total de actividades”. O edil socialista relata que “non houbo nin unha soa actividade nin para maiores, nin para nenos” e tamén apunta que coa chegada dunha etapa da proba ciclista do Gran Camiño “perdeuse unha gran oportunidade de facer un entroido de referencia ante a chegada de moitísima xente a Luintra”.

Sánchez Yáñez tamén se amosa especialmente crítico coa situación que se vive no municipio “cun alcalde que está de baixa e cunha persoa na que delegou as súas funcións que non fai acto de presencia”. Denuncia que a persoa que “din que vai entrar como alcalde polo acordo de goberno que tiñan, non firma, tal vez esperando as indicacións da rúa Progreso 32 de Ourense”. O voceiro socialista apunta a que a veciñanza “observa con incredulidade como o goberno municipal non fai nada de nada, máis que estar centrados nas súas propias loitas internas, namentres Nogueira de Ramuín agoniza”.

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén poñen o foco no vello centro médico, do que afirman que o goberno municipal “non soubo mantelo nas condicións axeitadas para uso e desfrute dos veciños e veciñas e aproveitalo para actividades de lecer e culturais”. Os socialistas apuntan que o Concello “gastou 80.000 euros en derrubar esta edificación para deixar un solar completamente baleiro e abandonado, ao que a veciñanza non lle pode sacar ningún tipo de partido”.