A comarca do Carballiño reduce o desemprego en febreiro, mentres no Ribeiro increméntase lixeiramente

Febreiro pechouse en Galicia cunha cifra de desemprego -154.509- que continúa en niveis anteriores ao Covid-19 e que ademais é a máis baixa de toda a serie histórica (1996) nun mes de febreiro. O paro tamén diminuíu nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos, coa construción (-20,64%) e a industria (-17,04%) liderando o descenso.

A comarca do Carballiño reduce o número de parados en 12 persoas, pasando dos 1.422 ós 1.410. O concello do Carballiño é o que máis recuperación presenta, con 14 desempregados menos, ata o total de 833. Beariz con 22, O Irixo con 49, Maside con 217 e Cea con 66, tamén reducen o número de parados lixeiramente. Na outra banda, Boborás sobe dous parados ata os 91, Punxín sobe 5 ata os 34, San Amaro sobe 3 ata os 55. Piñor mantense igual, con 43 parados.

AVANTAR ACTIVIDADES

No Ribeiro, o número de desempregados ascende en 20 persoas, ata o total de 798. Todos os concellos incrementan a cifra: Avión sobe un ata os 62, Beade sobe tres ata os 20, Carballeda de Avia sobe dous ata os 83, Castrelo de Miño sobe cinco ata os 66, Cenlle sobe tres ata os 44, Cortegada sobe tres ata os 66, Leiro sobe dous ata os 76 e Ribadavia sobe cinco ata os 300. Os únicos que descenden a cifra son Arnoia, baixando tres ata os 29 e Melón, baixando un desempregado ata os 52.