O BNG pide aclaracións sobre a ampliación de capital do COB ante as últimas novas xurdidas e as dúbidas existentes con cruce de acusacións incluídas

Desde a formación nacionalistas queren coñecer a situación económica real do club, algo que veñen reclamando desde hai meses e saber o papel que o concello está xogando en toda esta cuestión na que mesmo se dan por feito determinadas aportacións económicas que sairían das arcas municipais

Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense levan meses interesándose nas diferentes reunións do Consello Municipal de Depotes pola situación económica na que actualmente se atopo o Club Ourense Baloncesto SAD, do que o propio concello é accionista.

AVANTAR ACTIVIDADES

As últimas novas xurdidas nestes días en torno ao proceso de ampliación de capital acrecentou aínda máis as dúbidas do BNG en torno á situación da entidade e da xestión que da mesma se está a facer.

Sen entrar a valorar as discrepancias ou os cruces de acusacións dos últimos días entre a directiva cobista e o Grupo Hereda, no BNG poñen o foco nalgunhas das afirmacións feitas nos últimos días e que colocan ao Concello de Ourense nunha posición cando menos controvertida.

É público e notorio que o BNG leva anos en contra das subvencións nominativas, máxime cando estamos a falar dunha SAD e dito argumento vese reforzado por manifestacións como as feitas polo presidente do club no que chega a asegurar que “os cartos que puxo el (aludindo a Pedro Fernández, CEO do Grupo Hereda) recuperaráos facilmente coas subvencións de Deputación e Concello”. Este feito, a ollos do BNG, demostra que con cartos públicos estase financiando non ao club senón a un particular.

Máis tamén queren que o presidente do CMD, máximo responsable deportivo do concello, dea conta da información na que se afirma que o concello ten comprometidos 150.000 euros para a presente tempada e 200.000 euros se se ascende de categoría co obxecto de comprobar a veracidade de dita información.

O BNG quere explicacións sobre que é o que está acontecendo, o papel que poda estar xogando o alcalde en toda esta operación tendo en conta ademais que o concello é propietario do club e sobor de todo, canto lle vai custar ao conxunto da veciñanza todas estas manobras nas que o oscurantismo e a falla de información son máis que evidentes.