O BNG de Barbadás inicia unha campaña de concienciación e promoción de cara ao vindeiro 8 de marzo

Os nacionalistas materializan a campaña de apoio ás mobilizacións convocadas polo Movemento feminista galego e pola CIG, ao redor do 8 de marzo, como O Día Internacional das Mulleres

O BNG de Barbadás inicia unha campaña de apoio ás mobilizacións feministas do 8 de marzo e a prol da demanda dos compromisos pendentes. Desde a formación nacionalista anuncian que durante esta fin de semana levarán a cabo a colocacións de diversa cartelería nos taboleiros existentes para este fin, nas distintas parroquias do concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

Xa na xornada do luns, e a partires das 17:00 h. levarán a cabo un reparto polas rúas de Barbadás duns dípticos explicativos das propostas polas que pula esta campaña baixo o lema “Queremos todos os dereitos e querémolos Xa”.

Para o BNG, cómpre que o Parlamento impulse unha reforma da Lei de Igualdade que data do 2004 e que quedou obsoleta xa que é preciso pedir as transferencias en materia de inspección laboral e poder controlar e sancionar os incumprimentos neste ámbito.

En segundo lugar, a actualización do estudo realizado en 2008 sobre o chamado traballo invisible das mulleres, sobor de todo, para darlle visibilidade e corrixir as diferenzas e deficiencias existentes. Ao mesmo tempo Exixir ao Goberno do Estado a ratificación do convenio 89 da OIT.

En terceiro lugar, no BNG piden que todas as administracións incorporen cláusulas de igualdade nos procesos de contratación pública para evitar situacións de discriminación por razóns do sexo.

Moción para o vindeiro pleno municipal

Finalmente desde o Grupo Municipal no concello, anuncian que no pleno ordinario deste mes, defenderán unha moción coa que se pretende exixir ás distintas administracións con competencias nesta materia, que as palabras se transformen en feitos e as promesas en recursos.