O Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés desenvolverá accións de marketing que incrementen a notoriedade do destino

O Inorde e os municipios que integran o Xeodestino Terra de Celanova – Serra do Xurés celebraron hoxe a comisión de seguimento no Museo da emigración a Guinea, en Quintela de Leirado, para liquidar a execución das actividades do plan de acción do 2021 e avanzar no deste ano. “O espírito de actuacións que estamos a deseñar para este ano son accións de marketing que xeren notoriedade do xeodestino”, sinalou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández.

Nos últimos anos “fixemos actuacións de organización e desenvolvemento de produto, como foi a aposta polas novas tecnoloxías. No 2021 incidimos na implantación desas ferramentas tanto co geocaching como co mapa de recursos interactivo dispoñible na páxina web. E, para este ano, o que se propón é incidir na promoción para xerar notoriedade, sobre todo, no mercado de proximidade. Isto levarase a cabo a través de accións de comunicación dixital que nos permitan dirixirnos ao noso público potencial e realizar actividades de road show para ir a cidades de Galicia e do norte de Portugal para que a xente coñeza máis os recursos turísticos que ofrece este xeodestino”, explicou Rosendo Fernández.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante a reunión, tamén se avanzou na proposta que se trasladará a Turismo de Galicia neste 2022, para asinar o correspondente convenio e ampare ao xeodestino nas actuacións que se prevén realizar durante o ano, así como perfilar o importe do cofinanciamento que achegaría o Inorde, os concellos adheridos ao xeodestino, e o que se lle solicitará a Turismo de Galicia.

Este xeodestino abrangue os termos municipais de Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Padrenda, Quintela de Leirado, Celanova, Verea, Bande, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e A Bola.