Manuel Baltar: “O PP ourensán non só cre na igualdade, senón que é un dos seus eixos políticos fundamentais”

Na presentación do Observatorio da Igualdade da formación popular

O presidente provincial subliñou que o PP seguirá aumentando “de forma imparable” a presenza das mulleres no partido, “porque está absolutamente demostrado que se goberna mellor desde unha perspectiva feminina, cunha visión máis completa, comprensiva e con capacidade de planificación”

AVANTAR ACTIVIDADES

·      Puxo en valor a maioría absoluta de mulleres nos comités de dirección e executivo e a condición de provincia galega con máis alcaldesas (11)

·      O observatorio, integrado por 22 mulleres e 7 homes, é un órgano pioneiro especializado en cuestións de xénero para asesorar, avaliar, e promover políticas transversais sobre esta materia

“O PP ourensán non só cre na igualdade, senón que é un dos seus eixos políticos fundamentais, como o demostra nos comités directivo e executivo onde hai maioría absoluta feminina, o que non pasa en ningún outro partido a ningún outro nivel, e iso indica que marcamos camiño”, afirmou hoxe o presidente provincial, Manuel Baltar, durante a presentación do Observatorio da Igualdade, un órgano pioneiro especializado en cuestións de xénero para asesorar, avaliar, e promover políticas transversais sobre esta materia.

“Nun monumento natural á igualdade”, como definiu ao parque promovido pola Deputación de Ourense en Cachamuíña, Manuel Baltar agradeceu o compromiso das 22 mulleres e 7 homes que participan nesta iniciativa, citando expresamente á vicesecretaria de Igualdade, María Antonia Rilo, “que representa ás mulleres dunha provincia feminina, dun partido  que se anticipa aos tempos, e que con este observatorio axudarannos a afrontar todos os retos que temos por diante”. O primeiro, destacou, “un congreso nacional do que temos que falar con especial orgullo porque vai ser presidente do partido un ourensán, e que traballando todos chegará a presidente da nación”.

O presidente provincial subliñou tamén que o PP ten 11 alcaldesas, “a provincia de Galicia con maior número, e catro mulleres na corporación provincial”. Unha representación, dixo, que seguirá aumentando “de forma imparable porque está absolutamente demostrado que se goberna mellor desde unha perspectiva feminina, cunha visión máis completa, comprensiva e con capacidade de planificación”.

No acto desenvolvido no Parque da Igualdade de Cachamuíña e co saúdo do presidente da agrupación local do PP en Pereiro de Aguiar, Luis Menor, tamén interviñeron a secretaria xeral da formación, Ana Villarino, e María Antonia Rilo. Villarino afirmou que con este observatorio “queremos avanzar nos retos aínda pendentes para a igualdade real entre homes e mulleres, e facelo desde un partido que ten moi presente a perspectiva de xénero nas súas accións”. Rilo, pola súa banda, subliñou a condición do PP ourensán como “pioneiro e referente en temas de igualdade”, citando nesta liña a obra de Rosalía de Castro La hija del mar, na que a poetisa galega facía “unha tenaz e valente reivindicación da condición feminina”.

ACCIÓNS FORMATIVAS E INFORMATIVAS.

O Observatorio da Igualdade terá entre os seus obxectivos elaborar estudos sobre a realidade social nos municipios ourensáns, realizar informes sobre as desigualdades detectadas e avaliar as políticas e traballos levados a cabo nesta materia. Con reunións cada dous meses que se irán convocando tanto na capital como nas distintas comarcas e agrupacións locais que así o soliciten, este novo órgano tamén ten entre as súas finalidades a organización de actividades formativas e informativas, como conferencias e talleres, para promover a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O observatorio está composto por 29 persoas. Á fronte está a responsable de Igualdade do PP ourensán, María Antonio Rilo, acompañada pola secretaria xeral, Ana Villarino, ademais dos titulares das vicesecretarías de Organización, Pablo Pérez; Participación, Susana Vázquez; Turismo e Termalismo, Belén Gómez; e Estudos e Programas. Jackeline Fernández. A lista de membros inclúe a representantes da provincia como Inma Freijedo, Sofía Gómez, Fabio Tabarés, Malena Vila, Milagros Sierra e María Jesús Gómez por Ourense; Avelino Pazos (Castrelo de Miño); Luis Menor (Pereiro de Aguiar); Manuel Cerdeira (O Irixo); María del Carmen Yáñez (Lobios); Belén Álvarez (Quintela de Leirado); Daniel Fernández (Cartelle); Diana Sulleiro (Punxín); Eva Barrio (Riós); Johana Gómez (A Rúa); Manuel Ángel Fernández (Barbadás); Nuria Magallanes (A Gudiña); Ramona Méndez (Viana do Bolo); Remedios Cid e Xiana Carrera (Xinzo de Limia); Rosa Losada (Vilariño de Conso); e Xiana Domínguez (Trives).

O acto de hoxe enmárcase na próxima celebración Día Internacional da Muller, o martes 8 de marzo, xornada na que o Partido Popular de Ourense organizará, como xa é habitual, unha concentración con mensaxes reivindicativas.