O círculo de Podemos en O Carballiño solicita máis compromisos por parte da corporación municipal para este 8M.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A formación morada ven de solicitarlle ao concello unha serie de acordos para promover a prevención e a sensibilización á hora de abordar corporación municipal máis políticas de igualdade no ámbito das súas competencias.
“É bo ver que este ano as actividades que promove o concello para o 8M van máis aló de un obradoiro de pancartas e da lectura do manifesto institucional, pero ditas actividades pódense complementar con outras de carácter máis político que reforzarian a tan necesaria igualdade en tódolos ámbitos para as mulleres” declara Alba González, a responsable da área de feminismo do círculo podemita.
“Coas propostas que facemos buscamos que o noso concello se involucre de cheo no espírito de loita e de igualdade que se reivindica o 8M e que é espada de batalla do día a día de tódalasmulleres”, engade Alba González.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Algunha das propostas que traslada a formación morada serían que a Corporación Municipal avalíe o desenvolvemento do Plan Corresponsables para garantir que se estea a utilizar de maneira adecuada e que se cumpre cos obxectivos no seu primeiro ano de implementación e que inste ao Goberno de España a deseñar unha Estratexia Estatal de Coidados que sitúe ao país á vangarda de Europa en políticas de corresponsabilidade e que se faga unha análise sobre as desigualdades de xénero existentes e impulse plans de igualdade que obriguen a implementar este principio en todas as políticas municipais, así como en todas as empresas locais, ou que a Corporación avalíe o uso da subvención á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a modernización e ampliación dos dispositivos de atención e protección ás vítimas
de violencia machista no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e se adhira ao protocolo de actuación de delitos sexuais creado en Compostela pola xuíza de instrución Ana López-Suevos Fraguela e se use dita guía de forma xeral á hora de abordar os casos de agresións e abusos sexuais que xurdan en este concello.


Á ATENCIÓN DO ALCALDE DE ESTA CORPORACIÓN MUNICIPAL DE O CARBALLIÑO

D. Manuel Nogueira Pérez como voceiro do Círculo Podemos no Concello de O Carballiño ao abeiro do previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta para a súa aprobación, o seguinte requirimento con motivo do 8M, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En 2018, as mulleres fixeron historia en España. Aquel 8M, as mobilizacións e a convocatoria dunha folga sen precedentes puxeron de acordo á prensa nacional e internacional, que situou ao país á vangarda do feminismo mundial. Tres anos despois, o escenario era radicalmente oposto e, en cidades como Madrid, a axenda do 8 de marzo tiña que cancelarse, quedando demostrado unha vez máis que, en momentos de crises, as primeiras en pagar as consecuencias son sempre as mesmas.
Coa irrupción da covid-19, as mulleres volveron a ser as máis prexudicadas.
Primeiro, asumindo que as súas reivindicacións son apartadas das axendas políticas de quen espera que sexan elas as que sacrifiquen de novo os seus dereitos e intereses por un suposto ben común no que o seu benestar non é prioritario. Segundo, vendo como o triunfo alcanzado durante as últimas manifestacións multitudinarias do 8M é ensombrecido polo auxe dos discursos de odio antifeminista levantado polo altofalante da ultradereita nas institucións. E terceiro, sufrindo a intensificación das desigualdades de xénero nun sistema patriarcal que, coa crise económica e social derivada da pandemia, agudizouse notablemente. Así o amosan os datos lanzados pola
ONG Oxfam Intermón no seu informe ‘As desigualdades matan’, publicado en xaneiro de 2022 con motivo do Foro Económico Mundial, que poñen de manifesto como se asaña a violencia económica coas mulleres e as nenas: se antes da crise sanitaria estimábase que acabar coa brecha de xénero a nivel mundial custaría 99 anos, agora a cifra sitúase en 135.
Unha das principais razóns deste aumento da feminización da pobreza é que, con cada nova onda de contaxios por covid-19, multiplícase a carga de traballo de coidados non remunerado, unha responsabilidade que recae maioritariamente sobre as mulleres. En España, tal e como recolle a Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre de 2021, 3.065.800 mulleres son inactivas no país porque se dedican aos labores do fogar fronte aos 424.900 homes que se atopan na mesma situación e, segundo datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, durante o primeiro trimestre de 2021, máis do 85% das persoas que deixaron o seu emprego de maneira temporal para coidar aos seus fillos ou fillas foron mulleres. Isto fai que se cre unha dependencia económica por parte das mulleres vítimas cos seus maltratadores. Se da
así o que en psicoloxía se denomina como unha transeconomía autopercibida, creando así unha realidade ben distinta da que se está a dar no entorno das mulleres maltratadas.
Doutra banda, coa chegada do coronavirus e, en especial, por mor das medidas de confinamento estrito do inicio da crise, tamén gañou forza a preocupación ante o desamparo das vítimas de violencia machista, que non só tiveron que convivir encerradas durante semanas cos seus maltratadores, senón que se atopan cada vez máis desprotexidas a conta do colapso dos servizos xurídicos, sociais e sanitarios que xa estaban precarizados antes, pero que non deixan de ser recortados co pretexto da pandemia. Acudindo aos números, en 2021, foron asasinadas por
violencia de xénero en España 44 mulleres, unha cifra anual que, aínda que se trata da máis baixa desde 2003, cando empezaron a contabilizarse estes datos, segue sendo inaceptable, máis cando sumada ao rexistro total o número ascende en xaneiro de 2022 a 1.128 mulleres ás que o machismo matou en España. Ademais, no último ano, 30 menores quedaron orfos e orfas por violencia de xénero contra a súa nai, 336 desde 2013.
Nesta mesma liña e aínda que 2021 foi o ano con maior crecemento dos recursos para todas as vítimas e sobreviventes da violencia de xénero e no que se produciron máis atencións por parte do servizo 016, hai que lamentar un aumento na violencia vicaria, é dicir, a exercida polo agresor contra os fillos ou fillas co obxectivo de facer dano á nai. No ano 2021, sete menores de idade foron asasinados e asasinadas con este motivo, sendo esta a segunda cifra máis alta desde que se recollen estes datos. En total, desde 2013, son xa 46 as vítimas desta violencia.
Igualmente, o virus do covid-19 puxo sobre a mesa as condicións nas que se atopan as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e as mulleres en contextos de prostitución e, en consecuencia, a invalidez da actual Lei de Estranxeiría, insuficiente á hora de dar alternativas sociolaborais ao máis de 70% destas mulleres que se calcula que non teñen regularizada a súa situación no país.

Por outra parte a administración ten que ter unha maior prevención e sensibilización, promovendo condicións de traballo que eviten conductas que vaian contra a liberdade sexual e a integridade no traballo, incidindo especialmente no acosos sexual e no acoso por razón de sexo tanto de maneira presencial como no ámbito dixital. A creación de protocolos e procedementos para a súa prevención, detección temperá, denuncia e asesoramento son unha necesidade imperiosa, e en ese senso nace o protocolo de actuación sobre delitos sexuais elaborado en Compostela polo equipo dirixido pola xuíza de instrución compostelana Ana López-Suevos Fraguela, protocolo que
co tempo será unha referencia de primeiro orden á hora de abordar os casos de agresións e abusos sexuais.
Por último, as mulleres seguen sen sentir garantidos os seus dereitos sexuais e reprodutivos, especialmente, coa recente aparición en España de grupos antielección que se manifestan ás portas das clínicas onde se realizan intervencións de interrupción voluntaria do embarazo (IVE).
As accións destas organizacións entre as que se atopan 40 Días por la Vida, Derecho a Vivir, Aborto Cero ou Hazte Oír, sinalan e estigmatizan ás mulleres que exercen o seu dereito para decidir sobre o seu propio corpo e incomodan ao persoal sanitario que traballa nestes centros.
Todo isto sen esquecer que existen zonas do país nas que acceder a un aborto libre, seguro e gratuíto é case imposible debido á obxección de conciencia, unha realidade que enlaza coa problemática da violencia obstétrica que enfrontan as mulleres día a día e coa da falta dunha educación sexual adecuada no país.
Por todo isto, o Círculo de Podemos en O Carballiño propón a adopción dos seguintes
ACORDOS:
PRIMEIRO. Que a Corporación Municipal avalíe o desenvolvemento do Plan Corresponsables para garantir que se estea a utilizar de maneira adecuada e que se cumpre cos obxectivos no seu primeiro ano de implementación e que inste ao Goberno de España a deseñar unha Estratexia Estatal de Coidados que sitúe ao país á vangarda de Europa en políticas de corresponsabilidade.
SEGUNDO. Que a Corporación Municipal impulse políticas de coidados desde unha perspectiva de xénero e interseccional para asegurar a corresponsabilidade entre homes e mulleres e favorecer a conciliación familiar e laboral.

TERCEIRO. Que a Corporación Municipal faga unha análise sobre as desigualdades de xénero existentes e impulse plans de igualdade que obriguen a implementar este principio en todas as políticas municipais, así como en todas as empresas locais. Garantir, ademais, que estes plans contan con suficientes recursos humanos e materiais e realizar informes de impacto de xénero das propostas recollidas para así facer as correccións necesarias e evitar aumentar desequilibrios existentes.
CUARTO. Que a Corporación Municipal avalíe o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas entidades locais e autonómicas unha vez blindado o seu contido e financiamento co novo acordo do 25 de novembro de 2021, que obriga á modificación da Lei Orgánica 1/2004 para adecuar a normativa estatal ao Convenio de Istambul, e garantir así que se está utilizando de maneira adecuada e que se están cumprindo os obxectivos.
QUINTO. Que a Corporación Municipal avalíe o uso da subvención á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para a modernización e ampliación dos dispositivos de atención e protección ás vítimas de violencia machista no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia aprobado no Consello de Ministros e Ministras o 23 de novembro de 2021 para garantir que se está utilizando de maneira adecuada e que se están cumprindo os obxectivos.
SEXTO. Que a Corporación Municipal se adhira ao protocolo de actuación de delitos sexuais creado en Compostela pola xuiza de instrucción Ana López-Suevos Fraguela e se use dita guía de forma xeral á hora de abordar os casos de agresións e abusos sexuais que xurdan en este concello.
SÉTIMO. Que a Corporación Municipal facilite o traballo de contabilización de todos os asasinatos de mulleres polo feito de selo en sintonía co novo Observatorio de Feminicidios de España, o primeiro país de Europa en facelo.
OITAVO. Que a Corporación Municipal reforce as actuacións con menores en contexto de
violencia de xénero e inste a que a Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia de Dereitos Sociais, en colaboración coa Secretaría de Estado de Igualdade, desenvolva un plan de modernización en violencia vicaria e un plan de choque para a atención temperá de casos de xplotación sexual nos centros de acollida de menores.

NOVENO. Que a Corporación Municipal inste ao Goberno de España a que se aprobe a Lei
Integral para loitar contra a Trata de Seres humanos e que, ademais de previr esta forma de violencia e perseguir ás redes de delincuentes que se lucran con ela, conteña un plan de inserción laboral para as miles de vítimas, na súa maioría mulleres e nenas.
DÉCIMO. Que a Corporación Municipal inste o Goberno de España a que se aprobe a Lei de Liberdade Sexual para asegurar o acompañamento das mulleres, nenas e nenos vítimas de violencias sexuais e a transformación da cultura da violación e o prostíbulo nunha cultura sexual feminista na que o consentimento sexa clave, na que só si signifique si.
UNDÉCIMO. Que a Corporación Municipal inste ao Goberno de España a que se aprobe a
reforma da Lei de Dereitos Sexuais e Reprodutivos para aseguralos como dereitos fundamentais.
Instar tamén a que a interrupción voluntaria do embarazo sexa accesible en todos os lugares do territorio e a que se castigue o acoso de grupos ultracatólicos ás portas das clínicas abortivas.
Instar tamén a que esta lei aborde a violencia obstétrica fortalecendo as boas prácticas sanitarias e atalle a problemática das nais de alugueiro deixando claro que esta é unha forma de explotación reprodutiva das mulleres.
Ademais, instar, por último, a que en España se blinde unha educación desde a perspectiva feminista e desde a diversidade en todos os niveis educativos.