A Xunta abre o prazo para acollerse ao plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais municipais

O Diario Oficial de Galicia de hoxe publica o acordo marco coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o desenvolvemento deste plan

Destinaranse máis de 18,5 millóns de euros á creación ou renovación de residencias de maiores, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais de xestión municipal

AVANTAR ACTIVIDADES

Os concellos teñen de prazo ata o vindeiro 22 de abril para presentar electronicamente as súas propostas, que deberán dirixir ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

A Xunta abre o prazo para acollerse ao Plan de investimentos para a construción, reforma ou ampliación de equipamentos sociais públicos municipais, dotado con máis de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Os concellos interesados en participar neste plan, acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), teñen de prazo ata o vindeiro día 22 de abril para presentar as súas solicitudes, segundo anuncia hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).
As Corporacións locais interesadas deberán dirixir as súas propostas para dotarse de residencias, centros de día, vivendas comunitarias ou centros sociais ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e presentalas electronicamente. O texto íntegro deste plan de investimentos e o modelo de solicitude están publicados nas páxinas web da Consellería de Política Social e do Consorcio.

Criterios e requisitos

Unha comisión mixta entre a Xunta e a Fegamp encargarase de seleccionar as iniciativas que poderán beneficiarse deste plan. Darase prioridade a aqueles proxectos de concellos de menos de 20.000 habitantes, os que non teñan recursos semellantes aos que queren construír e aqueles cunha maior viabilidade técnica e económica. Os Concellos interesados deberán presentar un anteproxecto co correspondente informe urbanístico e acreditar que dispoñen dos terreos nos que situarán o centro.
A contía do financiamento dependerá do tipo de centro proposto e da obra que se pretenda executar. Así, para a construción dunha residencia de maiores establécese unha achega máxima de 1,2 millóns de euros; para edificar un centro de día ou vivenda comunitaria a axuda ascende ata aos 600.000 euros e, no caso de centros sociais, a colaboración económica pode chegar ata os 400.000 euros.