O PSOE de Punxín pide a reforma integral do bañiño e un proxecto termal “ambicioso”

O PSdeG-PSOE de Punxín aposta por un proxecto termal “ambicioso” na área do Bañiño e esíxenlle ao goberno municipal do PP e do concelleiro non adscrito que rematen coas “chapuzas” e aposten de xeito “decidido” por unha reforma integral desta zona termal de Punxín. As socialistas consideran que o proxecto que o grupo de goberno municipal pretende levar a cabo “dista moito” do proxecto que o municipio precisa e que permitiría converter esta zona termal nun punto “neurálxico” do termalismo na bisbarra.

O Concello de Punxín celebrará este próximo mércores unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobará a solicitude de subvención para a mellora das instalacións de espazos termais no municipio. As concelleiras socialistas xa adiantan que votarán a favor de dita proposta e do proxecto de mellora que se levará ao pleno. Pese a todo, as edís do PSdeG-PSOE de Punxín consideran que esta situación dálles a razón as súas denuncias nos últimos tempos polo “abandono” e o “desleixo” que sofre a área termal do Bañiño, onde xa denunciaron que o goberno municipal optou constantemente por “chapuzas, en lugar de apostar por un proxecto integral e que puxese en valor a zona”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista defenden que esta área termal debe ser “un punto de referencia termal para a veciñanza de Punxín e que supoña un atractivo a hora de atraer visitantes”. Segundo manifestan co actual proxecto que pretende levar a cabo o alcalde e o seu equipo “isto non se cumpre”, motivo polo que esixen que se “aproveiten e optimicen os recursos para levar a cabo unha reforma integral que aposte de xeito decidido polo termalismo en Punxín”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, indica que o proxecto que “imos aprobar inclúe a mellora das instalacións feitas ata o de agora” e sinala que estas obras “nas que se invertiron preto de 100.000 € leváronse a cabo fai menos de dous anos, pero aínda non se utilizaron”, motivo polo que lle “sorprende que o propio proxecto recoñeza que as instalacións se atopan deterioradas e non compren coas esixencias de seguridade precisas”.

Para Peleteiro Vázquez esta situación demostra que o equipo de goberno “non ten un proxecto para Punxín, nin aposta de xeito decidido polo termalismo” e esíxelles que “se poñan a traballar sobre o terreo e non desperdicien esta subvención en facer unha reforma para dous anos despois ter que volver a reconstruír o xa feito”. A edil socialista amósase “moi crítica” coas decisións do goberno municipal que supoñen un “ataque directo aos intereses de Punxín e da veciñanza”.

Asemade, as concelleiras socialistas consideran que as obras que se van a realizar “non se corresponden para nada co proxecto defendido polo PSdeG-PSOE” e sinalan que “nós creemos e apostamos por un proxecto máis ambicioso para a área termal do Bañiño, xa que consideramos necesario recuperar o proxecto que xa existe e que o grupo de goberno gardou nun caixón”. Dende o Grupo Municipal Socialista finalizan afirmando que “parécenos ben que se fagan dúas charcas e dous baños, nós non nos imos opor a iso, pero iso non é o que precisa Punxín”.