Expourense e a Fundación Semana Verde de Galicia renovan o seu convenio de colaboración

Inclúen accións de promoción mutua co obxectivo de reforzar o desenvolvemento do sector feiral en Galicia, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras

A Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, e a Fundación Semana Verde de Galicia veñen de renovar o seu convenio de colaboración, o cal ten como obxectivo promover accións de cooperación que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras (Agafe), e tamén,  dun xeito particular, ao fortalecemento destes dous recintos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este acordo, que se iniciou e novembro do ano 2017, foi ratificado esta mañá nas instalacións da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense por parte dos directores xerais de ambas as entidades, Rogelio Martínez (Expourense), e Ricardo Durán (Feira Internacional de Galicia ABANCA).

O documento asinado inclúe accións de intercambio e promoción mutua nas citas feirais organizadas por ambas fundacións ao longo do ano. Neste sentido, cabe destacar que os recintos de Ourense e Silleda suman 4 das 6 feiras celebradas na nosa comunidade co Selo de Internacionalidade do Goberno de España, sendo os únicos de Galicia que organizan estes eventos directamente, co seu persoal. Expourense organiza Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico), Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar) e Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios). Pola súa banda, a Fundación Semana Verde de Galicia organiza a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, e os seus catro certames paralelos.

As feiras, dinamizadoras da economía

Coa sinatura deste convenio, Expourense e a Fundación Semana Verde de Galicia reivindican unha vez máis o papel das feiras como centros de negocios e foros de coñecemento, destacando ademais o papel das mesmas como dinamizadores económicos e como grandes aliadas das empresas, tal e como ven de revalorizar a situación xerada pola pandemia.