O Psedg de Cartelle volve a reclamar, un ano despois, que a torre de Sande pase a ser de dominio público

 O PSdeG-PSOE de Cartelle volve a reclamar, máis dun ano despois de que se aprobase en sesión plenaria unha moción socialista por unanimidade, que a Torre de Sande pase a ser de dominio público. Os socialistas denuncian que o alcalde, Jaime Sousa, e o goberno municipal do Partido Popular “non moveron un só dedo” para realizar as xestións pertinentes e que tampouco se iniciaron os trámites para que este Ben de Interese Turístico Nacional, que segundo explican “está a caer a cachos” pase a titularidade pública.

No pleno do 19 de febreiro de 2021, os socialistas defenderon unha moción na que apuntaban a que a Torre de Sande, unha das maiores xoias arquitectónicas do Concello de Cartelle, “se atopaba nun estado calamitoso e de total abandono, cunha estrutura chea de gretas que fan perigar a súa estabilidade”. Pois ben, máis dun ano despois a situación tal e como apuntan dende o Grupo Municipal Socialista “non variou nin un ápice e o perigo segue sendo o mesmo ou aínda maior”. Trátase dunha torre conservada do antigo castelo, que conta con varias plantas de altura e aínda que a súa orixe é incerta, hai datos históricos que falan da súa existencia xa no século XII, pero tal e como afirman dende o PSdeG de Cartelle “a torre quedou abandonada no século XIX e a actual propietaria, a familia Reza non pode facer fronte os gastos de rehabilitación”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense en Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, esta situación “é unha mostra máis do abandono do PP ao noso municipio” e critica que os populares “non movan un dedo nin fagan as xestións oportunas para recuperar unhas das nosas maiores xoias patrimoniais coas que contamos”. O edil socialista tamén denuncia que o goberno municipal do Partido Popular “está sumido na deixadez” e que “a súa incapacidade na xestión municipal esta pagándoa a veciñanza de Cartelle”.

Pereira volve a recalcar “a importancia dunha xestión pública, transparente e correcta da Torre de Sande, que permita recuperala en beneficio da veciñanza”. O voceiro socialista fai fincapé tamén “na necesidade de que o goberno municipal se poña a traballar xa pola veciñanza e deixe de darlle as costas en temas de vital importancia como son a Torre ou o plan de urbanismo” e esixe que, dado o seu deterioro “se recupere en condicións idóneas para que poida servir de referente turístico de Cartelle, xa que estamos seguros de que suporá unha importante fonte de ingresos para o municipio, pola chegada de turistas e pola creación de postos de traballo”.

Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle agardan que “as promesas feitas polo PP hai un ano se transformen en realidades” e esixen que se lle reclamen aos supostos propietarios os títulos de propiedade da Torre de Sande, que tal e como apuntan os socialistas “dubidamos que teñan”. Apuntan dende o Grupo Municipal Socialista a que “canto antes se leve a cabo a recuperación, antes se beneficiará o municipio”.