O BNG considera unha falta de seriedade o tratamento dos orzamentos municipais do Carballiño

A voceira do BNG no concello do Carballiño, Sofía García, ven de manifestar o seu malestar ante as actitudes da alcaldía do Carballiño pola falta de rigor e seriedade ante un elemento central da xestión de calquera concello como son os orzamentos municipais. ” Que a oposición se entere pola prensa das liñas xerais duns orzamentos municipais que xa chegan con meses de retraso, pon ás claras a falta de talante da alcaldía”

 A alcaldía ven de anunciar en prensa os orzamentos do Carballiño,  vencidos case dous meses e medio do 2022, cando deberían ser aprobados a finais do ano pasado. Tampouco se tivo en conta aos grupos da oposición en todo este proceso, e isto a pesar de que é un goberno con maioría absoluta que podería ter feito este traballo en tempo e forma á par que dialogar cos diferentes grupos municipais para consensuar uns orzamentos o máis completos posibles.

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira do BNG pon de manifesto que “cando no concello fixemos o regulamento orgánico do concello acordamos que os orzamentos é un expediente o suficientemente complexo como para que nolo facilitara con vinte días de antelación”, e sendo o pleno o día 30 ese prazo espirou, e a oposición non temos acceso a ese expediente, ademais García  sinala que ademais por non ter non teñen nin o peche nin a liquidación dos orzamentos do ano anterior. 

 Para a voceira nacionalista todo isto pon de manifesto as actitudes antidemocráticas desta alcaldía, cando podería perfectamente solventar esta situación convocando unha xunta de voceiros dando parte do proxecto dos orzamentos, ou simplemente enviando unha copia dos seu proxecto orzamentario á oposición,  no tempo e prazo acordado pola corporación municipal, e obter aportacións das diferentes organizacións políticas, o que indiscutiblemente repercutiría en beneficio de toda a veciñanza do Carballiño.