Isabel Pintado presenta no Marcos Valcárcel a exposición Un mar de libros, homenaxe ás publicacións escritas a través da pintura

A mostra, inaugurada esta tarde, poderá verse ata no centro cultural ata o próximo 1 de maio

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle desde hoxe e ata o próximo 1 de maio a exposición Un mar de libros, na que a artista Isabel Pintado rende homenaxe ás publicacións escritas a través da pintura. Unha mostra na que o libro é o protagonista absoluto e onde, ademais de cadros que teñen este elemento como eixo central, a creadora tamén amosa un amplo abano de libros da propia artista, pezas pouco habituais no eido expositivo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na inauguración da mostra, celebrada esta tarde, a artista estivo acompañada polo vicepresidente da Deputación, César Fernández, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o deputado Armando Ojea e o director do centro cultural, Francisco González.

César Fernández subliñou que nesta exposición “únense dúas das expresións culturais máis importantes, como son os libros e a pintura”. Exemplos de cultura e arte, engadiu “que son antónimos absolutos da degradación humana que supón a guerra”. Neste sentido tomou as palabras do comisario da exposición e crítico de arte, Antón Castro, que define esta mostra como “un tributo á pintura dende o corazón do mellor dos símbolos, o libro, o máis asombroso dos instrumentos do que dispón o home, segundo Borges”. 

Miguel Santalices, pola súa banda, recalcou a reivindicación do legado da Xeración Nós que realiza Isabel Pintado a través da súa arte: “Para un ourensán coma min -en realidade, para calquer galego- é moi destacable esta relación. Sen Nós non teríamos Estatuto de Galicia nin Parlamento”. O presidente do Parlamento tamén destacou a búsqueda da modernidade que realiza Pintado “dende a aposta polas nosas señais de identidade”. 

Francisco González sinalou entre tanto que “con Isabel Pintado e maila recente apertura da mostra de Consuelo Chacón, O lugar intermedio, o centro cultural ofrece neste mes de marzo “o mes da muller, a obra de dúas grandes artistas”.