O Camiño de Futuro congregará no Barco de Valdeorras a máis de medio centenar de empresas interesadas en coñecer o mapa de axudas da Xunta

O acto contará con representación das entidades convocantes das axudas e empresas que narrarán a súa experiencia de éxito en innovación

O próximo luns, 14 de marzo, dará comezo no Barco de Valdeorras a primeira das paradas do Camiño de Futuro, un acto no que a Xunta dará a coñecer o mapa de apoios para 2022 destinados a empresas e autónomos, congregando para iso ao representantes dos organismos que nos que recaen a maioría das axudas destinadas ao tecido empresarial e produtivo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader, da Axencia Galega da Industria Forestal e dos Grupos de Desenvolvemento Rural explicarán todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, etc, e mesmo actividades non agrarias no rural. Un completo abano de apoios e axudas para o sector empresarial que os organismos responsables explicarán o vindeiro luns na Casa Grande de Viloira.

Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer os apoios da administración, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

A primeira sesión que se realiza na provincia de Ourense terá lugar no Barco de Valdeorras o luns 14 e terá continuidade en Allariz o 16, e finalizará en Beade o seguinte luns, 21 de marzo.

No Barco, a Casa Grande de Viloira, acollerá a partir das 12 as intervencións de distintos responsables de entidades provinciais e galegas e contará coa experiencia innovadora de éxito das empresas Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food S.L.  Están confirmados máis de medio centenar de xerentes de empresas e autónomos e autónomas, así como representantes de colectivos empresariais como a asociación anfitrioa, Aeva, o cluster da pizarra, Acoval, e outras entidades da contorna.

Acto -> Camiño de futuro, presentación do mapa de apoios da Xunta

Lugar -> Casa Grande de Viloira, (Ramón Otero Pedrayo, 11, O Barco de Valdeorras)

Data e hora -> luns, 14 de marzo – 12 horas

Interveñen:

  • Alfredo L. García, Alcalde do Concello O Barco de Valdeorras
  • Gabriel Alén, Delegado da Xunta de Galicia en Ourense
  • Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense
  • Mª Carmen González, presidenta do GDR Valdeorras
  • Luis Rodríguez, xerente do GDR Valdeorras
  • Carlos Vaamonde, técnico da área de servizos Gain
  • Miguel Fidalgo, responsable da Oficina Sur do Igape