Xosé Rúas renuncia á candidatura do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense.

O candidato á secretaría local do PSdeG-PSOE na cidade de Ourense, Xosé Rúas, anuncia
a retirada da lista que encabeza e manifesta a súa renuncia “ante a imposibilidade de
chegar a un acordo de integración, sequera de mínimos”, coa encabezada por Natalia
González.
Xosé Rúas lembra que se presentou “exercendo o meu dereito a facelo, como calquera
militante, sen esperar ao último momento”, e que a pesares da alteración no censo
“seguín coa intención de buscar o máximo acordo e consenso posibles, mais non atopei
nin a máis mínima disposición a concorrer nunha candidatura conxunta, como o
demostra a proposta inaceptable que nos formularon, na que só aseguraban a presenza
dun representante entre os 25 da lista finalmente conformada”.
Xosé Rúas apuntou que nin os contactos realizados previamente con integrantes da
candidatura da concelleira socialista nin tampouco os intentos de negociación mantidos
“deron os resultados que sempre buscamos, de concorrer a un proceso integrando as
distintas sensibilidades do partido”. En calquera caso, o concelleiro agradece a
disposición das persoas que integran a súa candidatura “a manter a súa disposición para
dialogar, a pesares de que se mudaran as regras de xogo, alterando, deste xeito, as
condicións esperadas pola militancia”.
Nunha carta remitida esta mañá á Comisión Xestora do partido na cidade, Rúas expresou
que, nestas circunstancias, “os meus valores e carácter impídenme presentar unha lista
afastada da integración que está predestinada a frustración e a confrontación”, polo que
procede á retirada da mesma, á vez que lle desexa moita sorte á encabezada pola súa
compañeira de partido na etapa que comezará na executiva local de Ourense.