A xustiza inicia un procedemento penal polo caso dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

NOTA DA ASOCIACIÓN ROTEIROS LALIN

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Xulgado de Instrucción número 2 de O Carballiño admitiu xa a trámite a denuncia por prevaricación contra o Alcalde, Manuel Cerdeira Lorenzo, e por falsedade en documento público contra a Secretaria deste Concello. O Xulgado abriu unha investigación sobre a omisión do trámite da exposición pública dos proxectos dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco entre os Concellos de Lalín e O Irixo. Nese procedemento, a denunciante acudirá a declarar e a aportar toda a documentación que acredita completamente todo o acontecido. O Código Penal establece penas de inhabilitación para os autores destes delictos e no caso do delicto de falsedade en documento público impón ademais pena de prisión para os casos máis graves.

O Concello de O Irixo non realizou o trámite de exposición pública dos proxectos dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco ao que estaba obrigado. Unha veciña e comuneira dos montes de Ermida do Campo no Concello de O Irixo foi ao Concello o día 23 de decembro de 2021 e comprobou que alí non había nada da documentación dos parques eólicos a exposición pública. Nese momento presentou un escrito solicitando que se exhibise a documentación e que se fixera ese trámite por igual para toda a veciñanza tal e como ordena a normativa, escrito que non lle foi contestado. A pesar  das dúas queixas presentadas por esta veciña, a Secretaria-Interventora do Concello de O Irixo faltando á verdade, certificou por escrito que sí se fixera o trámite de exposición pública neste Concello. A esta veciña non lle quedou máis remedio que acudir ao Xulgado de Garda a presentar unha denuncia por esta falsedade e polo trato recibido. A resolución presuntamente prevaricadora do Alcalde de O Irixo, Manuel Cerdeira Lorenzo, supostamente transcribe a certificación que fai a Secretaria do Concello de O Irixo faltándose á verdade. O Xulgado admitiu xa a trámite a denuncia e abre así unha investigación en relación cos feitos denunciados para valorar se os mesmos son ou non delicto.

Ademais cursouse unha queixa á Dirección Xeral de Enerxía da Xunta de Galicia e ao non obter reposta, elevouse á Valedora do Pobo unha reclamación contra as gravísimas irregularidades que se produciron no trámite de exposición pública dos proxectados parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco. A situación é tan aberrante e as irregularidades son tan graves e palmarias que a Valedora do Pobo admitiu a queixa a trámite case de inmediato. A falta de exposición pública vulnera dereitos fundamentais e deixa indefensas ás persoas afectadas que se ven privadas do seu dereito a coñecer os proxectos que lles afectan e lles impediu formular alegacións.

O Concello de Lalín tampouco fixo o trámite de exposición pública á que estaba obrigado e esta circunstancia foi recoñecida por escrito polo Secretario do Concello que emitiu senllas certificacións referidas aos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco nas que se expresa que “por razóns organizativas internas do Concello, dito expediente non se expuxo ao público nas datas sinaladas no escrito da Xunta de Galicia”, polo que O Concello de Lalín recoñeceu que non fixo a exposición pública. Polo contrario, no Concello de O Irixo, optaron por certificar que a exposición pública sí se realizou faltando á verdade, un feito gravísimo polo que terán que responder.

Estas mesmas irregularidades estanse producindo nos proxectos de moitos máis parques eólicos en Galicia. Agora nas resolucións de exposición pública xa se omite que se faga nos Concellos afectados o que incumpre a normativa totalmente. Esto aconteceu na liña eléctrica de evacuación destes parques eólicos que se presentou por separado e tamén no proxecto do parque eólico Marcofán, onde xa non se dispón que se faga a exposición pública nos Concellos afectados. Por todo isto, a asociación ecoloxista ADEGA vai levar ás institucións europeas estas irregularidades pois vulneran varias directivas comunitarias, e un dos casos que se poñerán como exemplo é o acontecido cos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco.

Os Concelleiros e Concelleiras do Partido Popular de Lalín e de O Irixo cos seus votos nestes concellos rexeitaron dúas mocións que solicitaban a repetición do trámite de exposición pública dos parques eólicos de Valdepereira e Pico Seco, algo que ante as gravísimas irregularidades producidas sería necesario, e ao non facerse vicia de nulidade todo o trámite administrativo destes proxectos, polo que en caso de demostrarse as irregularidades terán que dar explicacións e asumir as responsabilidades que correspondan.