O Concello consegue a cesión dun novo solar no casco histórico de Ribadavia.

O Concello procederá a súa mellora o antes que sexa posible.

É de agradecer a cesión gratuíta ao Concello por parte de todas as persoas herdeiras desta propiedade, posibilitando a mellora deste espazo para todo o pobo de Ribadavia.

O concello de Ribadavia recuperará un novo espazo público na zona monumental. Nesta ocasión será na Praza García Boente.
Desde o Concello estase redactando un proxecto técnico que aborde a recuperación deste espazo.

AVANTAR ACTIVIDADES


Falamos dun espazo con 77 metros cadrados de superficie situado no cruce da Praza García Boente e rúa Santiago, ao carón do Museo Etnolóxico.
O solar actual é froito dunha demolición dun inmoble antigo fai dúas décadas, que se foi degradando co paso do tempo e que desde entón converteuse nun espazo abandonado de silvas e lixo.

O Concello quere actuar coa maior dilixencia posible e realizar tarefas urxentes de mellora. Asi, nunha primeira fase débese proceder a súa limpeza, así como realizar a impermeabilización dos muros medianeiros, pois as vivendas colindantes vense perxudicadas por humidades.

A continuación será remitido á Patrimonio, da Xunta de Galicia, unha memoria técnica para abordar conxuntamente no seo da Comisión de seguimento do PERI todas as posibilidades deste solar, xa que a norma urbanística recólleo como solar para zona de equipamento do Concello.

Crear un novo espazo público, axunto á Praza García Boente,  coa súa pavimentación con pedra granítica, e a impermeabilización dos muros, é unha da intervencións previstas que se poderían levar a cabo. A outra posible intervención podería ser a de uso dotacional e de equipamento, coa reconstrución dun inmoble.

A opinión técnica da Delegación de Patrimonio da Xunta de Galicia será importante, así como a colaboración das demais administracións con competencia en materia de rehabilitación e patrimonio cultural. Así mesmo, o Concello incluirá este novo espazo na Memoria para a Declaración da Área REXURBE do casco histórico de Ribadavia.

Con esta acción, o Concello de Ribadavia continúa coa súa labor de  mellora e dinamización do casco histórico, así como o seu maior coidado e limpeza.
Na actualidade está realizando a obra da praza da Portanova de Arriba, unha nova praza pública recuperando dun antigo solar usado como aparcamento, onde ven de completar a reforma do muro do Castelo.
Ademais, os proxectos de reforma dos antigos inmobles ruinosos propiedade do Concello seguen a bo ritmo e xa comezaron accións de limpeza e mellora.

Ribadavia gañará un novo espazo público situado estratexicamente na zona monumental: a carón do Museo Etnolóxico e nunha praza cun enorme potencial, onde ademais o IGVS da Xunta adquiriu fai uns meses un inmoble para a súa rehabilitación e creación de vivenda pública.

O Concello levaba dúas décadas intentando conseguir este solar, que agora é posible grazas a cesión gratuíta de todas as partes propietarias.
O portavoz, e concelleiro responsable do casco histórico, Brais Fidalgo, manifestaba a súa gratitude á familia herdeira deste solar por poñer todas as facilidades para que o Concello asuma a súa titularidade pública.