Trasmiras creará un circuíto ciclista permanente logo do éxito da XI Ruta Btt do Cocido

  • Emilio José Pazos Ojea, o rexedor, agradeceu a implicación co clube organizador nesta XI edición e anunciou o compromiso do seu Executivo con esta disciplina
  • A choiva respectou aos ciclistas participaron nun circuito esixente nalgúns dos seus treitos

Trasmiras foi este domingo 13 de marzo un concello cheo de cor, rodas e barro. Máis de 200 ciclistas, chegados dende boa parte da provincia, da comunidade autónoma e até de Euskadi, León, Madrid ou Toledo, participaron na décimo primeira edición da Ruta BTT do Cocido, prevista para o mes de xaneiro pero que tivo que ser adiada por mor da pandemia da Covid – 19.


Un foguete deu a saída neutralizada pouco despois das 9:30 horas deste domingo. O percorrido inicial pola localidade, dun kilómetro, deu paso ao circuíto, de 44 ou 63 kilómetros segundo se optase pola opción curta ou longa; que os máis de 200 ciclistas inscritos tardaron en percorrer unhas cinco horas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os que optaron pola curta comezaban a chegar ao pavillón polideportivo pouco despois das 12:30 horas, onde lles agardaba un chocolate quente, bica e unha ducha nos vestiarios alimentados con enerxía solar.

Cando chegou o derradeiro corredor, un cento de participantes que reservaran mesa, participaron do tradicional xantar no restaurante César da localidade, onde o prato estrela e único foi o cocido, que lle dá nome á proba.

O rexedor popular, Emilio José Pazos, asegurou, logo do xantar, no que participaba por primeira vez, que entre os obxectivos a curto prazo do meu Goberno está o “consolidar un circuíto BTT permanente en Trasmiras, porque temos recursos naturais incríbles que merecen ser visitados e que deixan un bo recordo na retina de todos os que participan nesta proba. Queremos que estes corredores, todos os que xa participaron, e os que o fagan en edicións posteriores, sexan embaixadores do noso territorio e para todos eles poremos en marcha unha ruta permanente tanto para BTT como para roteiros pedestres”.

José Alvar, presidente do clube BTT Nocelo, organizador do evento deportivo, destacou a complicidade do Concello de Trasmiras e de todos os que colaboraron económica e persoalmente na organización desta XI edición e lamentou “que tiveramos que ver como algún gracioso retirase parte das marcas do roteiro, que provocou que algún dos ciclistas chegados dende fóra se perdesen”.