Trinta entidades apostan por Previsel para impartir formación especializada en prevención e seguridade laboral

Administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencia colaboran activamente no programa de xornadas técnicas e obradoiros que se impartirá en Expourense os días 16 e 17 de marzo

>> Os riscos na manipulación de amoladoras e de produtos químicos en  perruquerías protagonizan os dous obradoiros que vai impartir o ISSGA

AVANTAR ACTIVIDADES

>> O salón conta coa participación da AXEGA, servizos de bombeiros, Protección Civil e Tesgalicia

Formación especializada en prevención e seguridade laboral impartida por expertos na materia. Isto é o que ofrece a 15ª edición de Previsel que se celebrará en Expourense os días 16 e 17 de marzo contando coa activa colaboración de administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais e servizos de intervención e emerxencias que elaboraron un completo programa con máis de 30 actividades que teñen o obxectivo de sensibilizar da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades e promocionar boas prácticas que garantan a saúde laboral dos traballadores e traballadoras.

Tanto os profesionais como o público xeral que asistan a Previsel atoparanse dúas áreas: exposición e xornadas técnicas. En total, esta cita contará cunha trintena de expositores procedentes de Galicia na práctica totalidade e destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Previsel 2022 foi presentado esta mañá en Expourense nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe do Centro ISSGA en Ourense, Ángel López; os responsables de Formación en TESGALICIA, Uxío Figueroa e Santiago Moreno, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

XORNADAS E OBRADOIROS

O interese mostrado por todas as entidades integradas no comité asesor de Previsel, dá como resultado que o salón poida presentar un completo programa de actividades moi especializadas, baseadas na realidade do noso tecido laboral e totalmente accesibles. Este programa foi elaborado pola Administración Autonómica (ISSGA), empresarios, sindicatos, mutuas e colexios profesionais.

Entre as novidades desta edición destaca que algunhas destas actividades poderán seguirse en liña para facilitar o acceso a esta formación a aqueles profesionais e centros de formación profesional de Galicia que non poidan acudir ao recinto de Expourense de xeito presencial.

O Instituto de Saúde e Seguridade Laboral de Galicia, ISSGA, volve apostar por Previsel como plataforma de promoción da cultura preventiva e como o marco elixido para impartir formación especializada dirixida a profesións concretas. Impartirán un seminario cada día. O do mércores 16 de marzo estará centrado sector do siderometal e construción abordando a prevención de riscos no manexo de amoladoras e o do xoves 17 na prevención do risco químico en perruquerías. Ademais, o ISSGA achegará relatores para participar noutras conferencias e mesas redondas do programa de Previsel organizados por outras entidades e que solicitaron a colaboración do seu persoal experto en seguridade laboral.

Previsel conta un ano máis coa implicación dos tres sindicatos maioritarios en Galicia que convocarán aos seus afiliados de toda Galicia a participar nas actividades que organizaron. A C.I.G. organizou un seminario sobre os riscos laborais dos profesionais que traballan con nanomateriais. O sindicato UGT puxo en marcha unha xornada formativa sobre a vixiancia da saúde dos traballadores e as súas implicacións legais. Pola súa parte, CC.OO. abordará o papel imprescindible dos delegados en prevención para garantir a saúde dos traballadores.

Este salón conta coa colaboración de distintos colexios profesionais vencellados co construción e a saúde que organizaron unha mesa redonda sobre a “Repercusión da calidade do aire interior (CAI) en espazos habitables na saúde e no medioambiente” na que participarán representantes dos Colexios Profesionais de Ourense de Enxeñeiros Técnicos Industriais, do de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas; do de Arquitectura de Galicia e do de Arquitectos Técnicos. Nesta mesa participan tamén membros do Ilustre Colexio de Médicos de Ourense e do ISSGA. Ademais da participación nesta mesa, o Colexio de Arquitectura Técnica / Aparelladores de Ourense organiza outra mesa redonda relacionada cos “Principios de boas prácticas en obras de construción”.

Relacionado tamén cos riscos laborais na edificación, a Fundación Laboral da Construción organiza unha xornada formativa sobre Boas prácticas en condución e manexo seguro de PEMP (Plataforma Elevadora Móbil de Persoal). Previsel é tamén o lugar elixido por APETAMCOR (Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías) para impartir un curso de manexo preventivo de carretas elevadoras e para abordar os riscos laborais no sector do transporte.

A participación dos colexios profesionais en Previsel 2022 inclúe tamén unha conferencia sobre acoso sexual organizada polo Colexio da Avogacía de Ourense.

Como é xa habitual dende o ano 2015, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, TESGALICIA, organizarán unha quincena de actividades dirixidas a persoal sanitario e outras á sociedade en xeral e que apostan pola formación continua dos profesionais. Ademais do seu programa propio colaborarán nas actividades de compoñente máis práctica como o simulacro de evacuación do recinto de Expourense; as clases de buceo en fume, na visita do helicóptero do 061 ou na exhibición práctica de excarcelación de vehículos. Para realizar estas actividades TESGALICIA con outros servizos de emerxencias como os Bombeiros do Polígono de San Cibrao da Deputación de Ourense, do Parque de Bombeiros do Concello de Ourense ou de Protección Civil de Ourense. Tamén participará en Previsel, como xa á habitual, o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias – AXEGA.

Entre as actividades permanentes destaca o posto de asesoramento do Gabinete de Prevención de Riscos Laborais da Confederación Empresarial de Ourense – CEO; as cadeas de supervivencia da Cruz Vermella; as medicións antropométricas realizadas pola Xefatura Territorial en Ourense da Consellería de Sanidade ou a formación sobre dixitación e innovación en riscos laborais ofrecida pola empresa Previsonor

As actividades compleméntanse con distintas exposicións de equipamentos e vehículos vencellados coa prevención e as emerxencias achegadas por entidades como a Deputación de Ourense ou por empresas como Orensanex ou Carrocerías Rodríguez López.

Previsel 2022 conta co apoio do ISSGA e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación Provincial de Ourense. A asistencia a estas actividades é gratuíta e precisa de inscrición previa a través da web www.previsel.com ou no teléfono 988 36 60 30.

O horario de apertura do salón será o mércores 16 de marzo de 10.00 a 14.00 h. e de 16.00 a 19.00 h. e o xoves 17 de 10.00 a 14.00 h.