César Fernández, na presentación dos actos do Día Mundial da Poesía, defende o poder da palabra como “arma poderosa contra a sen razón e o totalitarismo”

O programa desenvolveranse na Insua dos Poetas, “un espazo único que se consolida como un proxecto singular e onde se mestura o medio ambiente coa promoción da nosa lingua e cultura”, destacou Fernández 

Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, expresou a súa satisfacción por “retomar unha data que sempre estivo presente no calendario cultural de Ourense” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os actos que se celebrarán o luns 21 de marzo inclúen homenaxes a Florencio Delgado, Letra Galegas 2022, e á literatura arxentina, entre outras actividades

 O vicepresidente da Deputación, César Fernández, participou hoxe no Carballiño na presentación das actividades organizadas pola Fundación Insua dos Poetas para celebrar, o luns 21 de marzo, o Día Mundial da Poesía. Unha xornada na que tamén colaboran o Centro Pen Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación de Ourense e o Concello do Carballiño. 

Precisamente no salón de plenos do concello tivo lugar a presentación do programa de actividades coa presenza, ademais de César Fernández, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o concelleiro de Cultura carballiñés, Diego Fernández; e o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luís González Tosar.  

O vicepresidente da Deputación destacou que, “unha vez máis o espazo único da Insua dos Poetas acolle un evento que lle consolida como un proxecto singular, onde se mestura o medio ambiente coa promoción da nosa lingua e cultura”. O Día Mundial da Poesía, engadiu César Fernández, “ten por obxectivo consagrar a palabra e reflexionar sobre o noso tempo, o que cobra moitísima importancia polos dramáticos feitos que estamos a vivir coa guerra en Ucraína”. Palabra, poesía e cultura, dixo, “constitúen un arma poderosa contra a sin razón e o totalitarismo”. 

Luis González Tosar, como presidente da Fundación Insua dos Poetas, expresou a súa satisfacción por “retomar unha data que sempre estivo presente no calendario cultural de Ourense”, detallando as actividades programadas para a celebración do Día Mundial da Poesía. Entre elas destacou dúas homenaxes: a primeira delas a Florencio Delgado Gurriarán, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, e a segunda á literatura iberoamericana, comezando polas Letras Arxentinas. Neste acto participarán representantes do consulado da República Arxentina en Vigo, e alumnos do IES do Castro de Vigo, que plantarán na Insua dos Poetas un ombú, árbore simbólica da Pampa. O programa tamén inclúe un espectáculo de poesía, música e danza titulado Cantares Transhumantes, a cargo de Mirian Sandoval. 

Nas actividades participarán este ano os centros escolares, públicos e privados, da comarca do Carballiño: IES Nº1 e Chamoso Lamas do Carballiño, os colexios Vila do Arenteiro e Sagrado Corazón, e os CEIP Calvo Sotelo da Uceira, Maside, Boborás e O Irixo. 

Está prevista ademais a presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, entre outras autoridades.