Nota do Partido Popular sobre o problema do recibo do lixo dos veciños de Arcos

Foi no verán do ano 2019 cando case un centenar dos veciños de Arcos víronse sorprendidos por unha comunicación do Concello, na que se lles notificaba a súa inclusión no Padrón de Recollida de Lixo, na que aínda non figuraban e, ao mesmo tempo, se lles reclamaban os recibos dos anos 16,17,18 xunto co 19.

Isto provocou protestas da veciñanza, que entendía que existía un acordo, cando menos tácito, que permitía esa exención, polo que o asunto se tratou en varios Plenos, quedando o Sr. Alcalde en dar algún tipo de solución ao asunto.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pois ben, resulta que nestes días están chegando por correo certificado aos mesmos veciños cartas de pago, esixindo o pago de 234,24€ correspondentes ao lixo dos anos 16,17,18 e 19. E esas cartas de pago van acompañadas dunha carta sen asinar por ninguén, na que indican que feitas as consultas na FEGAM a xente experta no tema tributario, non existen elementos nin xurídicos nin de feito que poidan avalar a non recadación das liquidacións de atrasos da taxa emitidas, polo que se consideran correctas. E remata dicindo que resulta axustada a dereito a liquidación de atrasos da taxa pola recollida do lixo, polos exercicios 2016, 17,18,e 19, cuxo pago debe ser asumido polos contribuíntes suxeitos pasivos da taxa beneficiaria do servizo.

Hai que dicir que estes veciños, tanto o ano 20, como o 21 xa o foron pagando, pois efectivamente dende o ano 19 están incluídos no Padrón do servizo do lixo.

Pero sorprenden varias cousas, e esas son as que queremos poñer de manifesto:

Xa non e o primeiro, nin o segundo veciño da Parroquia de Arcos, que fixo o seguinte, visita ao Alcalde ou coincide con el, coméntalle que lle chegan 4 anos a pagar, lle di o Alcalde que pase pola oficina de Recadación que alí lle arranxan o tema, van entón a oficina de recadación, e alí a persoa da empresa que leva este asunto lle soluciona para pagar soamente os anos 18 e 19, e con iso arranxan.

Entón e cando nos preguntamos:

¿Como pode ser que os mesmos que a mesma empresa que manda a carta de pago por 4 anos, polo feito de ter falado co Alcalde, rebaixe a débeda a 2 anos?

¿Cal é o criterio que levou a recadación a facer carta de pago por 4 anos e non por 2 anos directamente?

¿Que pasa con aqueles veciños que non son advertidos por ninguén e van pagar os 4 anos sen máis ao banco, ou aos que o banco lles xire directamente o recibo por telo domiciliado?

¿Por que se envía aos veciños una carta informativa sen asinar?. ¿Quen ten a responsabilidade sobre o que alí se expón? Pois esa carta é a que fala de que se cobren os anos 16,17,18,e 19 e en base a iso se manda a carta de pago.

¿Cal é a razón de que non se reclame aos veciños so os 4 anos atrás (18,19,20 e 21) que é o que marca a Lei, e se lle estea a reclamar tamén anos prescritos (16 e 17)?

Todo isto parece un asunto escuro, de compadreo entre o Sr. Alcalde e a oficina de recadación aos que se lles debe de presumir un criterio profesional, pois para iso están contratados.

¿Que o que se pretendía? ¿Que os veciños falasen co Alcalde e que este lles fixese o favor e “perdoarlles” a débeda, en vez de notificar correctamente?

E de non ter unha explicación exhaustiva sobre o acontecido, con documentación que aporte claridade ao asunto, resulta que só poderíamos tachar este asunto de CACIQUEO TOTAL do señor Alcalde.

En todo caso, esperamos que isto se solucione de forma administrativa correcta declarando a prescrición de todos os recibos correspondentes aos anos 16 e 17, e ordenando a devolución do importe a todos aqueles que xa os pagasen.