A Deputación asumirá os custos da expedición humanitaria do alcalde de Maceda

O rexedor, Rubén Quintas, agradece a implicación da institución provincial: “Manuel Baltar estivo pendente deste convoi dende o minuto un, colaborando e atento para que todo saíse ben, como así está ocorrendo”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co alcalde de Maceda, Rubén Quintas. Manuel Baltar avanzou o compromiso da institución provincial para asumir os custos da expedición liderada polo rexedor ourensán para levar material humanitario á fronteira de Ucraína e traer a vinte refuxiados -nove menores e once mulleres, nais dos cativos-. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O alcalde de Maceda agradece a implicación da institución provincial dende o comezo da iniciativa solidaria: “Manuel Baltar estivo pendente deste convoi dende o minuto un, colaborando e atento para que todo saíse ben, como así está ocorrendo”. Rubén Quintas explica que o proceso de adaptación dos refuxiados é gradual, “vai sen presa, pero sen pausa”. Tras chegar a Maceda o pasado domingo, 13 de marzo, os cativos e as súas nais iniciaron un proceso de adaptación en coordinación coas administracións, Cruz Vermella e Protección Civil, cos pertinentes recoñecementos médicos e psicolóxicos, trámites administrativos e a súa progresiva instalación en pisos. 

Un convoi con solidariedade veciñal 

O convoi humanitario saíu de Maceda o pasado 8 de marzo, con catro vehículos dos concellos de Maceda, Baños de Molgas, Vilar de Barrio e a Mancomunidade do Ribeiro. Tras entregar na fronteira de Ucraína material solidario cedido polos veciños á Cruz Vermella, voltaron con 20 refuxiados en coordinación coa Asociación Galega de Axuda a Ucraína (AGA-Ucraína). 

Saída do primeiro camión humanitario dende o centro loxístico da Deputación

Este luns ten prevista a saída o primeiro camión cargado de material humanitario dende o centro loxístico activado pola Deputación, co obxectivo de canalizar e coordinar a resposta dos concellos ourensás ante a guerra de Ucraína. O envío do material humanitario, recollido polo Concello de Ourense e almacenado no parque da maquinaria pola institución provincial, foi organizado por AGA-Ucraína e financiado por Afundación e Abanca.

A Deputación ten en funcionamento un dispositivo posto en marcha pola Área de Benestar, onde un grupo de traballo técnico agrupa toda a información sobre as iniciativas que se estean levando a cabo dende o ámbito municipal. Así habilitouse un enderezo electrónico e un teléfono (ourenseconucrania@depourense.es – 988 317 772) para que os concellos faciliten unha persoa de contacto que permita coñecer, dun xeito áxil, que material poden ofrecer e enviar, favorecendo as sinerxías e garantindo a resposta máis eficiente e ordenada posible.