CENTED enviará o seu autobús a Ucraína para soporte humanitario e recollida de refuxiados

O club de fútbol CENTED Academy, non alleo á delicada situación provocada
pola invasión rusa, transportará alimentos, material sanitario, produtos de hixiene
e roupa a Ucraína, de onde regresará á provincia de Ourense con decenas
de refuxiados que tratan de deixar atrás o horror da guerra. A iniciativa,
denominada # UnBusDeEsperanza, viuse reforzada pola colaboración
directa de organismos públicos e, especialmente, polo tecido comercial e social
da cidade.
A finais da próxima semana, o autobús oficial da entidade, que foi
presentado na Praza Maior de Ourense fai tan só un mes e medio,
trasladará todo tipo de soporte humanitario a territorio ucraíno. CENTED
mantén habilitados dous lugares de recollida, a súa sede (Praza da Estación, Nº 4,
Baixo) e o Aparcadoiro O XARDÍN (avenida de Zamora, 4), nos que calquera
cidadán pode depositar a súa axuda en horario de mañá e tarde

O club quere agradecer ás decenas de voluntarios, doantes anónimos,
concellos e entidades de todas as disciplinas deportivas a súa inestimable
colaboración coa causa. A porta, loxicamente, continúa aberta para todos
aqueles particulares ou institucións que queiran axudar.
Desde a discreción necesaria, calquera detalle da viaxe será exposto ao regreso
do mesmo. O labor partirá do envío de material de axuda e continuará coa
recollida, o acompañamento e o seguimento futuro dos refuxiados que
traspasen as nosas fronteiras. A operación non termina na expedición de ida.
CENTED dispón dun correo electrónico, ayuda.ucrania@centedteam.com, para
resolver calquera tipo de dúbida

AVANTAR ACTIVIDADES