Afundación inicia o ciclo de cinema «Mulleres»

IES CHAMOSO LAMAS

I A favorita, Unha cuestión de xénero, e Toni Erdmann son os filmes incluídos nesta proposta cinematográfica organizada pola Obra Social de ABANCA
21.03.2022. Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta o ciclo de cinema «Mulleres» conformado por películas nas que as mulleres son as protagonistas e nas que se tratan temas como a reivindicación de dereitos, a soidade ou o traballo digno. Un ciclo transversal que ten como eixe vertebrador o empoderamento das mulleres.
As películas A favorita, Unha cuestión de xénero e Toni Erdmann son as escollidas para formar parte do cartel deste ano. Proxectaranse nas Sedes de Afundación da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo entre marzo e abril. As proxeccións son en versión orixinal subtitulada na Coruña e Santiago, e dobrada, en Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra con subtítulos para persoas xordas.
O martes, 22 de marzo, ás 20.00 h na Sede Afundación Ourense pasarase a película A favorita.

O material gráfico está dispoñible aquí:
https://drive.google.com/drive/folders/1r-tPcZkOIVscjRgRIdDQ1ZmhpPJESv2o?usp=sharing
Este evento enmárcase na iniciativa solidaria de apoio a Ucraína no marco do proxecto «Cultura por alimentos» que, a raíz do drama humanitario que se vive neste país, se implica tamén coas persoas refuxiadas e a súa cidadanía. Afundación invita os asistentes ao acto a que, seguindo as recomendacións das entidades que están a traballar sobre o terreo, entreguen prioritariamente alimentos precociñados e latas de conserva, alimentos infantís, produtos hixiénico-sanitarios infantís e femininos e medicamentos e material de primeiros auxilios, que poderán depositar á entrada do recinto nos colectores dispostos para este fin. O acceso a cada unha das sesións será a cambio da entrega dalgún destes produtos. Imprescindible reserva previa en Ataquilla.com, sen custo.
As películas poderanse ver ás 19.30 h en Santiago, Vigo, Lugo e Pontevedra; ás 20.00 h en Ourense; ás 19.00 h na Coruña; e ás 18.30 h en Ferrol o 21 e 28 de marzo, e ás 19.30 h o 4 de abril.

HIPER MASIDE

OS FILMES
Toni Erdmann (Maren Ade, 2016). Inés traballa nunha importante consultora alemá establecida en Bucarest. A súa estresante vida está perfectamente organizada ata que o seu extrovertido e bromista pai Winfried chega de improviso e pregúntalle, «es feliz?» Tras a súa incapacidade para responder, sofre un profundo cambio. Ese pai que ás veces estorba e a avergoña vai axudar a dar novamente sentido á súa vida grazas a un personaxe imaxinario: o divertido Toni Erdman. Proxectarase o 14 de marzo na Coruña, o 21 de marzo en Ferrol, o 22 de marzo en Santiago, o 22 de marzo en Vigo, o 29 de marzo en Ourense, o 4 de abril en Pontevedra e o 6 de abril en Lugo.
Unha cuestión de xénero (Mimi Leder, 2018) é un biopic sobre a xuíza do Tribunal Supremo dos Estados Unidos Ruth Bader Ginsburg, a segunda muller na historia que serviu neste alto órgano xudicial. Ginsburg foi nomeada para o alto tribunal en 1993 polo presidente Bill Clinton e cambiou o curso da historia cun singular caso sobre discriminación de xénero que abriu o camiño para a igualdade nos Tribunais. Proxectarase o 21 de marzo na Coruña, o 23 de marzo en Lugo, o 28 de marzo en Ferrol, o 28 de marzo en Pontevedra, o 29 de marzo en Santiago, o 5 de abril en Vigo, e o 5 de abril en Ourense.
A favorita (Yorgos Lanthimos, 2018) é unha película ambientada a comezos do século XVIII, cando Inglaterra se atopaba en guerra contra Francia. Unha raíña debilitada, Anne (Olivia Colman) ocupa o trono, mentres que a súa amiga Lady Sarah (Rachel Weisz) é quen realmente goberna o país no seu lugar debido ao precario estado de saúde e ao carácter inestable da monarca. Cando a nova serventa Abigail (Emma Stone) aparece en palacio, o seu encanto seduce a Sarah, quen a axuda. Como a política ocupa a meirande parte do tempo de Sarah, Abigail comeza a acompañar con máis frecuencia á raíña. Poderase ver o 21 de marzo en Pontevedra, o 22 de marzo en Ourense, o 28 de marzo na Coruña, o 29 de marzo en Vigo, o 30 de marzo en Lugo, o 4 de abril en Ferrol e o 5 de abril en Santiago.
En paralelo a este ciclo de cine, Afundación acolle nas súas sedes de Santiago de Compostela e da Coruña as mostras «Indómitas» e «Mirar de novo. A muller contra o tempo», que trasladan a necesidade de novas relecturas da arte en clave feminina ao tempo que se poñen de relevo os obstáculos aínda presentes para a consecución da igualdade de xénero, propósito do ODS 05, co que está firmemente comprometida Afundación, a Obra Social de ABANCA.