No acto de conmemoración do Día mundial da Síndrome de Down en Ourense
- O delegado territorial destacou que con esta celebración búscase dar visibilidade e aumentar a concienciación pública con respecto á Síndrome de Down
- “Ante as adversidades, demostrades esforzo e perseverancia; e sempre que tedes a oportunidade, demostrades ser capaces de facer todo o que vos que propoñades”, sentenciou Gabriel Alén
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañou hoxe á Asociación Down Ourense na conmemoración do Día mundial da Síndrome de Down, nun acto celebrado na Rúa do Paseo da cidade e no que o representante do Goberno autonómico fixo fincapé na importancia da inclusión real e efectiva destas persoas.
O delegado territorial destacou que con esta celebración búscase dar visibilidade e aumentar a concienciación pública con respecto á Síndrome de Down; e sinalou que “Estamos falando de persoas que fan valiosas contribucións á nosa sociedade e das que temos moito que aprender”.
Nesta liña, Gabriel Alén apuntou que desde o Goberno autonómico loitamos pola eliminación de todo tipo de barreiras e apoiamos que, na nosa sociedade, cada un diferénciase polo que é e polo que fai, non pola súa aparencia ou pola súa ratio intelectual.
“As persoas con síndrome de Down -engadiu Gabriel Alén- demostrades cada día que non hai barreiras que non poidades derrubar coa vosa forza de vontade. Porque non son as discapacidades as que limitan, senón os prexuízos”; e sentenciou, “Ante as adversidades, demostrades esforzo e perseverancia; e sempre que tedes a oportunidade, demostrades ser capaces de facer todo o que vos que propoñades”.
Down Ourense desenvolve servizos de promoción da autonómica persoal das persoas con Síndrome de Down nas áreas de atención temperá, inclusión educativa, formación e emprego, vida adulta e independente e área transversal que conta con programas de apoio familiar, de comunicación e de sensibilización social entre outros.