Espazo Común presentará en tódolos concellos nos que ten presencia unha moción de repulsa á decisión de Pedro Sánchez con respecto ao Sahara

A iniciativa é crítica co cambio de rumbo do PSOE que deixa abandoado á súa sorte ao pobo saharaui.

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta  

AVANTAR ACTIVIDADES

MOCIÓN PARA QUE O GOBERNO ESPAÑOL NON TRAIZOE AO POBO SAHARAUI

                                            EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Hai tan só uns días, tivemos coñecemento dun fito que, para mal, vai ser histórico para este país.

Despois de 46 anos defendendo o dereito do pobo do Sahara Occidental á súa autodeterminación; despois de case medio século de defensa deste ante a tiranía e a opresión de Marrocos; un goberno pretendidamente socialista ven de dar unha coitelada a traizón, con nocturnidade e alevosía, ás esperanzas de tódolos saharauis.

Sen falar con ninguén, nin oposición nin axentes sociais implicados, Pedro Sánchez decidiu unha vez máis que as persoas só son peóns no seu taboleiro de ambición política persoal e vendeu, sen remorso algún, a alma de moitos españois que levan anos prestando o seu apoio e solidariedade aos cidadáns da ex-colonia, entregando as súas esperanzas destes ao arbitrio do déspota Mohamed VI, quen se verá libre de ataduras para decidir o futuro de todos eles.

Mesmo os organismos internacionais  e, nomeadamente a ONU, afean a conduta do goberno do PSOE, por incumplir as pautas marcadas por ela mesma para a resolución deste conflito que pasan pola celebración dun referendum libre.

Non é doado imaxinar como se poden sentir os socialistas que cada pouco tempo acollen no seu fogares a nenos daquela procedencia para axudarlles a saír, aínda que sexa por período limitado, do inferno no que Marrocos ten convertido o seu territorio.

Unha decisión, polo tanto, incomprensible, insolidaria e miserenta coa que, os que temos un atisbo de conciencia social, non podemos mirar para o outro lado e calar.

Ao través desta moción pedimos que o Concello do Carballiño amose a súa repulsa ante este novo rumbo e que se revirta para garantir o dereito á vida e á liberdade de todo o pobo saharaui.

Visto todo o anteriormente comentado,                                                                                                                       

                                                                  SOLICITAMOS

  1. Que se traslade ao Goberno de España a repulsa do Concello do Carballiño á nova política sobre a problemática do Sahara.
  2. Que se demande ao Goberno de España o retorno á situación previa con apoio claro e decidido á defensa dos dereitos do pobo saharaui.