Miranda anuncia a nova convocatoria de axudas aos emprendedores retornados de ata 10.000 euros durante a visita á Asociación Milladoiro Palmira Boulevard

Esta entidade de Ames colabora no apoio ao retorno a Galicia ofrecendo facilidades no acceso a locais comerciais nesta localidade a través de condicións beneficiosas no alugueiro e facilitando a tramitación burocrática na apertura do negocio

As axudas aos emprendedores retornados da Secretaría Xeral da Emigración destinaron máis de 3M€ para apoiar a máis de 500 proxectos que tiveron un impacto de inversión en Galicia superior aos 25 millóns de euros

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe a Asociación de Empresarios de Milladoiro, Palmira Boulevard, que colabora no apoio ao retorno a Galicia dos emigrantes galegos dando facilidades no acceso ao aluguer de locais comerciais.

O secretario xeral da Emigración aproveitou a visita para recordar aos interesados que en breve sairán as axudas deste departamento para os emprendedores retornados que desexen por en marcha unha iniciativa empresarial.

Estas axudas permitiron que, nos últimos anos, se destinaran dende a Secretaría Xeral da Emigración máis de 3 M€ para a posta en marcha de máis de 500 proxectos empresariais en Galicia cun impacto de inversión en Galicia superior aos 25 millóns de euros para a nosa economía. Este ano, as axudas poden chegar ata os 10.000 euros por iniciativa.

Pola súa banda, o presidente da Asociación, José Manuel Fernández Gómez, explicoulle a Rodríguez Miranda que, dada a boa acollida que tivo a iniciativa o ano pasado, con varios locais xa ocupados, vólvese a ofrecer este tipo de baixos para que os galegos retornados emprendedores interesados poidan poñer en marcha de xeito inmediato o seu negocio. Deste xeito, danse facilidades para o aluguer de varios locais así como axudase na tramitación burocrática da apertura dos negocios.

Rodríguez Miranda aproveitou a visita para agradecer a colaboración de esta Asociación e recordar que este tipo de iniciativas facilitan o acollemento a quen desexa iniciar unha nova vida en Galicia. Recordou que os interesados tamén poden informarse de todo tipo de axudas ao retorno nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno situadas nas principais cidades galegas.