O Delegado territorial da Xunta destaca a ampla oferta de cursos de formación do centro de FP santa María de Europa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, percorreu esta mañá as distintas instalacións do centro de FP Santa María de Europa, onde amosou a súa confianza neste tipo de formacións, xa que “son tremendamente prácticas; os  centros, coma este, están moi ben dotados, e o profesorado é moi competente, co que os traballadores saen moi preparados. Trátase dun gran sistema de oportunidades”, destacou.

Gabriel Alén explicou que este centro, adscrito á Consellería de Emprego e Igualdade, iniciou xa a selección de alumnado para os cursos de formación que ten previsto botar a andar este ano, e que a finais deste mes de marzo principiarán 23 accións formativas para a obtención de diversos certificados de profesionalidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Como novidade nesta convocatoria amplíanse os tipos de destinatarios aos que vai dirixida a formación (a traballadores desempregados engádense, por exemplo, os afectados por ERTE, ou ocupados) e ofértanse dúas edicións do curso Competencias clave nivel 2 para certificados de profesionalidade con idioma galego (265 horas), que permitirá a aqueles participantes sen a titulación académica requirida, ou con titulación non homologada, poder acceder a cursos de nivel superior.

Estas accións formativas, que ofrecen 15 prazas por edición, clasifícanse en distintos niveis segundo os requisitos de titulación esixidos e abarcan distintas familias e áreas profesionais, grazas á variedade de talleres e á amplitude das instalacións das que dispón o centro.

Os cursos de nivel 1 (para os que non existen requisitos de titulación) ofertados son: Operacións auxiliares de fabricación mecánica (Torneiro-fresador), Operacións básicas de cociña (2 edicións), Traballos de carpintería e moble (2 edicións), Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos e Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Para o nivel 2 (Necesario título en ESO ou equivalente) a formación ofertada é: Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, Montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas, Montaxe e mantemento de instalacións de climatización e ventilación-extracción, Mecanizado de madeira e derivados, Mantemento dos sistemas eléctricos e electrónicos de vehículos, Soldadura oxigás e soldadura MIG-MAG, Mecanizado por arranque de labra, Actividades de floraría, Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (2 edicións) e Cociña.

O próximo 28 de marzo comeza a formación de nivel 3 (necesario título de bacharelato ou equivalente) cunha edición do curso Arte floral e xestión das actividades de floraría.

Os interesados nesta formación poden inscribirse directamente no centro de formación ou facer a súa solicitude online a través da páxina web do Servizo Público de Emprego de Galicia.