A Deputación impulsará os estudos universitarios de Turismo no Campus de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

Manuel Baltar e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron esta mañá no Pazo Provincial un convenio no que a Deputación comprométese a fomentar as actuacións relativas ao grao de Turismo

O presidente da Deputación resalta que con esta nova liña de colaboración coa Universidade “poténciase o turismo tamén desde os estudos, desde o  talento e desde o noso campus, que merece todo o noso esforzo”. O acordo abarca bolsas de estudo para o alumnado e a promoción desta titulación

HIPER MASIDE

O reitor da UVigo sinala que grazas a este acordo “imos dar a coñecer mellor un título de impresionante calidade e con moitas fortalezas para o alumnado”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, asinaron esta mañá no Pazo Provincial o convenio de colaboración entre a institución provincial e a UVigo para promocionar as accións universitarias relativas á promoción da formación no grao de Turismo. “Unha mostra máis desa alianza que mantemos coa Universidade, reforzando con este acordo a capacidade que ten Ourense como provincia eminentemente turística”, subliñou Manuel Baltar.

Esta nova liña de colaboración súmase á que manteñen ambas institucións desde hai anos para o financiamento de actividades no Campus ourensán, explicou o presidente da Deputación, pero agora centrados “en potenciar o turismo tamén desde os estudos, desde o  talento e desde o noso campus, que merece todo o noso esforzo”. Un complemento, afirmou, para as accións que xa está a desenvolver a institución provincial, “como por exemplo o plan de destino turístico intelixente, unha das únicas catro provincias no territorio nacional que executa este programa, ademais de que podemos presumir dunha conectividade con Madrid que antes non existía, sendo agora o territorio mellor conectado de Galicia”.

En nome da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa declarou estar “moi satisfeitos e agradecidos con este convenio”, participando da mesma idea expresada por Manuel Baltar de que “o turismo é importante para a comunidade autónoma, pero moi especialmente para a provincia de Ourense e os seus numerosos atractivos, sendo ademais sabedores do potencial que teñen os estudos de Turismo no campus de Ourense”. Con este acordo, dixo, “imos dar a coñecer mellor un título de impresionante calidade e con moitas fortalezas para o alumnado, facilitando que se acheguen a estes estudos cunha axuda económica que será moi benvida e que fará que a titulación teña éxito en anos posteriores”.

Manuel Reigosa aproveitou para recoñecer “o entusiasmo e ledicia” da Universidade de Vigo pola súa participación na Ourense Mobile Week 2022, “tendo xa preparadas unha serie de propostas para facer achegas a unha iniciativa que aínda será máis exitosa que a primeira edición e que mobilizará a moita xente pola provincia”.

Promoción do título de Turismo e dotación de bolsas para os estudantes

O obxectivo primeiro do convenio é regular a colaboración entre Deputación e Uvigo na promoción e fomento das actuacións relativas aos estudos universitarios no Campus de Ourense, con especial referencia aos estudos de grao de Turismo. Este novo acordo, de 80.000 euros, súmase ao vixente de 220.000 euros e abarca, neste caso, a dotación de bolsas de estudo no grao de Turismo e unha campaña de publicidade para atraer alumnado ao Campus de Ourense. 

O acordo asinado esta mañá no Pazo Provincial expresa a vontade común de ambas institucións, dentro das súas competencias, “colaborar no desenvolvemento de actividades que redunden en beneficio dos obxectivos expostos, da cidadanía, da provincia e, en xeral, de toda a sociedade ourensán”.