Gabriel Alén salienta as políticas innovadoras e programas de vangarda da Xunta a prol do desenvolvemento sostible e rendible do monte galego

Tras a plantación de especies autóctonas na Insua dos Poetas e como clausura da Semana forestal impulsada polo Goberno galego dentro das actividades do Día Internacional dos Bosques

  • Este ano convocáronse máis de 33 millóns de euros en axudas, e na provincia de Ourense atópanse en execución máis de 9,6 millóns das achegas de 2021 para accións silvícolas, a creación de superficies forestais e a boa gobernanza dos montes veciñais
  • O delegado territorial explicou que o 69% da superficie do territorio galego é forestal.; e que as masas dedicadas á produción de madeira supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España
  • A Semana forestal veu precedida por unhas videoxornadas centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no Inventario forestal continuo de Galicia

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Insua dos Poetas, na Esgueva – O Carballiño, para clausurar, cunha plantación de especies autóctonas, a Semana forestal impulsada pola Xunta co gallo da celebración do Día Internacional dos Bosques que se conmemorou o pasado 21 de marzo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Organizadas desde os servizos provinciais de Montes e coa participación dos distintos distritos forestais, as plantacións promovéronse en colexios ou asociacións, sendo as especies escollidas para estas accións todas árbores e arbustos autóctonos.

O delegado territorial explicou que o 69% da superficie do territorio galego é forestal, que as masas dedicadas á produción de madeira supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e que nela se produce máis do 50% da madeira cortada no Estado.

Gabriel Alén lembrou a aprobación en setembro do ano pasado da 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG) 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”, que contempla un investimento de 4.900 millóns de euros no monte galego nos próximos vinte anos. Para Gabriel Alén, este documento elaborouse dando cumprimento ás recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento. Trátase dun plan que establece os obxectivos, modelos, directrices, estratexias, plans ou programas, medidas e accións configurados conforme aos eixos de intervención, instrumentos de execución e programas de actuación que se consideran necesarios.

O representante do Goberno galego puxo en valor as distintas liñas de axudas da Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, para o monte galego, entre as que salientou as destinadas a accións silvícolas, á creación de superficies forestais con frondosas e coníferas, as que teñen por obxecto apoiar a elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais e as destinadas a fomentar a boa gobernanza nas comunidades de montes veciñais en man común. Só estas catro liñas suporán -en virtude das convocatorias deste ano- un investimento de máis de 33 millóns de euros no monte galego. Canto ás axudas aínda en execución, cabe destacar que a provincia de Ourense aglutina máis de 9,6 millóns en achegas ao abeiro das ordes de 2021 para silvicultura, a creación de superficies forestais e o fomento da boa gobernanza dos montes veciñais. 

Políticas innovadoras e programas de vangarda a prol do desenvolvemento sostible e rendible do monte galego; medidas importantes para o delegado territorial como o control por satélite de cortas no territorio, a rastrexabilidade dixital e pegada de carbono dos seus produtos, o fondo documental do monte de Galicia, a plataforma de estatística forestal e o traballo que se está a facer no inventariado do monte.

Gabriel Alén tamén subliñou a implementación na Administración autonómica dos servizos web, xa que crean unha nova forma de relacionarse coa administración, de forma que empresas do sector comezan a incluír no seu propio software servizos que permiten facer trámites administrativos de xeito automático e invisible para elas. Así, a Xunta vén de crear un repositorio de servizos que permiten automatizar trámites como as solicitudes de cortas de madeira ou a presentación de proxectos de ordenación de montes.

Videoxornadas

Con motivo da celebración do Día Internacional dos Bosques, que se conmemora todos os anos o 21 de marzo, a Xunta organizou unhas videoxornadas previas, centradas na dixitalización e a descarbonización, así como no Inventario forestal continuo de Galicia. Esta iniciativa foi dirixida especialmente ás organizacións que compoñen o sector forestal galego, tanto asociacións de produtores e de transformadores, empresas de servizos e sistemas de certificación como organizacións ambientais, organizacións profesionais agrarias, administracións públicas, centros de investigación, etc.

A webinar tivo lugar en dúas quendas, o mércores 16 e o venres 18 de marzo. Contou coa participación de responsables e técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, da Consellería do Medio Rural, así como doutros representantes de diferentes departamentos da Xunta, en especial da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e do Instituto Galego de Estatística. Ademais, houbo presenza activa de expertos das universidades de Vigo e de Santiago, así como de empresas especializadas do sector forestal da nosa comunidade.