O Psdeg-Psoe logra que a Deputación de Ourense reclame por unanimidade á Xunta a descentralización de órganos autonómicos na provincia

“Está comprobado que avanzar na descentralización contribúe a frear ou reverter tendencias poboacionais negativas e a xerar innovación, actividade económica e emprego”, destacaron os e as socialistas

O PSOE pedirá un informe para “esclarecer a legalidade” da votación da moción do canon da auga, logo de que Baltar ignorase as indicacións do secretario sobre o decaímento dunha emenda do PP

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE demandou hoxe no pleno da Deputación a descentralización en Ourense de consellerías ou órganos de primeiro nivel da Xunta, para impulsar o reequilibrio territorial e frear o despoboamento. Nunha moción esixían instar ao goberno galego a por en marcha “políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando a sede de órganos da administración galega ou das entidades instrumentais do sector público”.

Igualmente instaban ao Goberno de España a “afondar nas políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía”. Este proceso xa comezou co executivo do expresidente socialista, José Luis Rodríguez Zapatero, e a súa decisión de instalar a sede da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil na capital ourensá.

A proposta foi aprobada por unanimidade de todos os partidos da institución. O grupo provincial reclama “accións concretas” a Feijóo porque “está comprobado que avanzar na descentralización contribúe a frear ou reverter tendencias poboacionais negativas e a xerar innovación, actividade económica e emprego”. “O executivo presidido por Pedro Sánchez xa publicou no BOE o real decreto que regula a descentralización de órganos do sector público estatal, a través dun proceso fundamentado en criterios como a demografía ou o desemprego, que poderá resolverse en tres meses e no que haberá unha comisión decisoria”, sinalou o deputado, Alvaro Vila.

“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España”, advertiu Vila quen tamén dixo que a administración galega “resístese a recoñecer esta necesidade e a impulsar medidas concretas de descentralización e desconcentración que axuden á Galicia máis afectada pola regresión económica e demográfica, nas áreas e comarcas fóra do Eixo Atlántico”. “Está comprobado que avanzar na descentralización contribúe a frear ou reverter estes problemas”, insistiu o deputado e tamén alcalde de Taboadela.

Reformulación do canon da auga

Os e as socialistas tamén esixiron no pleno que Alberto Núñez Feijóo deixe de “incautarse masivamente” do canon da auga, para que unha parte deses fondos repercutan equitativamente en obras hidráulicas nos concellos da provincia. A través dunha iniciativa instaban á Xunta a que este imposto que recadan os municipios no recibo de abastecemento e saneamento da veciñanza “repercuta cunha porcentaxe fixa anual en obras hidráulicas nos concellos que cumpren as normas fixadas polo propia administración autonómica”.

A moción foi emendada polo PP co fin de inmiscuir á Confederación Hidrográfica nunha proposta de acordo sobre un canon no que non ten competencias. Pero o PSdeG-PSOE enmendou o acordo inicial incluíndo todos os puntos do PP, pero reclamando tamén á deputación unha “planificación de investimentos en todos os concellos, dun xeito equitativo e independentemente da súa cor política, que redunden en beneficios para toda a veciñanza”.

A pesar de que o secretario aclarou que a emenda do PP decaía ao ser modificado o acordo inicial da moción, Baltar obviou estas indicacións e a emenda dos populares foi votada igualmente. Por iso, os e as socialistas pedirán un informe técnico para “esclarecer a legalidade” destes feitos e “se fai falta chegar ás últimas consecuencias, sexan cales sexan”. “Non imos permitir que o PP deturpe reiteradamente os debates”, insisten.

Sobre o fondo do debate, o vicevoceiro do grupo do PSdeG-PSOE, Nacho Gómez, considera “urxente” este cambio nos criterios relacionados con este canon, xa que a redistribución debería ser “xusta, equitativa e obxectiva”, sendo o concello o “beneficiario máximo da súa propia achega”, con fin último de “repercutir eses cartos en melloras”. Así pois, insistiu na necesidade de estipular por lei unha “cota fixa” que “reverta equitativamente” para que “evitar discriminacións” e para “fomentar o uso racional da auga”.

Durante o debate tamén destapou unha das “reiteradas mentiras” que algúns deputados e deputadas repiten ao respecto dos investimentos da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. “Entre 2019 e 2022 os concellos gobernados polo PSOE recibiron 9,9 millóns deste órgano, fronte aos 9,6 que recibiron proxectos en concellos do PP”, destapou Gómez antes de aseverar “estes datos evidencian que non existe ningún tipo de discriminación ou beneficio en función de cores políticas e que esas afirmacións eran burdas mentiras”. “Son cifras equitativas fronte ao que pasa nesta deputación onde a distribución entre concellos os datos son perversos”, dixo.