Protocolo para valorizar a carne amparada pola IXP “Ternera Gallega”: FRUGA non detecta unha clara aposta pola Suprema

Desde a FRUGA queremos manifestar o noso total desacordo coas formas utilizadas, cando fomos convocados para asinar o día 28 e a sinatura xa foi realizada o día 25

Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, queremos manifestar o noso total desacordo coas formas utilizadas pola propia consellería do Medio Rural, en relación coa sinatura do protocolo da cadea de subministro para as explotacións de vacún carne adheridas a IXP “Ternera Gallega”. Non é de recibo que se nos convoque para asinar este protocolo o día 28, cando nos enteramos a través dos medios de comunicación que xa foi asinado o pasado venres dia 25 de Marzo. Evidentemente que un protocolo deste calibre ten que ser analizado, debatido e consensuado previamente con tódolos axentes do sector.

AVANTAR ACTIVIDADES

No que respecta ao contido deste documento, desde a FRUGA, observamos moita indefinición nas propostas, e ao mesmo tempo non vemos clara unha aposta pola “Ternera Gallega Suprema”. Todo o contrario, observamos como se fala da adaptación das explotacións as necesidades de certa industria e certas cadeas de distribución, sen nomear en ningún momento se faga unha aposta clara e decidida pola defensa das explotacións de Suprema, que son quen realmente aportan calidade e prestixio a esta Indicación Xeográfica Protexida.

A Federación Rural Galega aposta desde o seu nacemento pola consolidación e promoción da Suprema. Ademais de aplicar a lei da cadea alimentar, parece-nos que é preciso traballar en políticas de infraestruturas agrarias que nos permitan abaratar os custos de produción. Aspecto do que non se fala en ningún punto deste documento. Ao mesmo tempo observamos como a indefinición en moitos aspectos do protocolo, pode dar lugar a interpretación confusas, e argumentos que soamente falan da “Ternera Gallega”, e non nomean para nada a Suprema. Desta forma vemos como os matadoiros volven a ser os grandes beneficiados das políticas da IXP, primeiro coas modificacións regulamentarias de anos anteriores, e agora parece que se abre a posibilidade de promover outros modelos alternativos para o cebo de xatos.

A aposta decidida da Consellería do Medio Rural pola “Ternera Gallega Suprema”, non debe dar lugar a indefinicións, e ao mesmo tempo non pode estar dirixida por ningunha porta xiratoria de antigos gobernos da Xunta de Galiza. Galiza precisa de producións de calidade, e no caso do vacún de carne, non sobra ningunha explotación, que tan bo labor social e medio ambiental están a facer en moitos puntos do país. Soamente necesitamos unhas políticas que favorezan o desenrolo destas producións, e neste protocolo o que observamos son moitas indefinicións.