A Deputación de Ourense, distinguida pola Federación Española de Remo co premio ao mellor patrocinador

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vicepresidente segundo, César Fernández, recolleu na Gala do Remo Español celebrada en Sevilla un galardón que referenda “a iniciativa do presidente Manuel Baltar á hora de promover as láminas de auga da nosa provincia polas súas excelentes condicións para a práctica de deportes náuticos” 

Fernández puxo énfase na aposta da Deputación polo remo a través do Centro de Adestramento situado no balneario de Laias, o Cerlac, e a celebración en agosto en Castrelo de Miño da prestixiosa proba internacional da Coupe de la Jeunesse. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Federación Española de Remo distinguiu hoxe á Deputación de Ourense co premio ao mellor patrocinador, galardón que recolleu o vicepresidente segundo, César Fernández, durante o transcurso da XIII Gala do Remo Español, celebrada no Club Náutico de Sevilla. Un premio que referenda “a iniciativa do presidente Manuel Baltar á hora de promover as láminas de auga da nosa provincia polas súas excelentes condicións para a práctica de deportes náuticos”, sinalou Fernández, que subliñou a aposta da Deputación por desenvolver un ecosistema de turismo deportivo para promocionar a provincia como escenario das máis importantes probas a nivel nacional e internacional nas máis variadas disciplinas.  

Non obstante puxo énfase en dous aspectos que, afirmou, converteron á Deputación no firme patrocinador do remo. Así citou en primeiro lugar o Cerlac, o centro de adestramento de Castrelo, Arnoia e Laias (Cenlle), “onde destacadas seleccións nacionais preparan a súa participación en campionatos continentais e mundiais e nas Olimpíadas”. Por outra banda, significou a importancia que para Ourense vai ter a celebración da Coupe de la Jeunesse, a prestixiosa competición internacional de remo que do 5 ao 7 de agosto reunirá no Parque Náutico de Galicia, en Castrelo de Miño, aos mellores remeiros xuvenís de 16 países de Europa, “o que porá a proba a nosa capacidade organizativa e as nosas instalacións, pero tamén nos permitirá demostrar a paixón que poñemos na promoción do remo”. 

Nota: Na imaxe, César Fernández acompañado pola presidenta da Federación Española de Remo, Asunción Loriente.