A entrega dos premios Rodolfo Prada á xestión cultural contará cos relatorios do experto Manel G. Piñero e a directora da fundación contemporánea, Mariana Pineda

As candidaturas á quinta edición dos Premios Rodolfo Prada á Xestión Cultural aínda teñen de prazo ata o 11 de abril para participar. Este galardón entregarase o xoves 28 de abril no Centro Cultural Marcos Valcárcel, dentro da oitava edición da Ourense ICC Week

Este é o único premio galego con dotación económica destinado exclusivamente a recoñecer a labor levada a cabo polos xestores culturais, tanto no ámbito público como no privado

AVANTAR ACTIVIDADES

O acto de entrega contará con dúas intervencións expertas no eido da xestión: Manel G. Piñero, coeditor xunto con Lluís Bonet do libro “La innovación en la gestión cultural”, e Mariana Pineda, historiadora da arte e xestora cultural, directora da Fundación Contemporánea.

As tres citas serán o xoves 28 de abril, a partir das 20,00 horas, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, dentro do marco da Semana das Industrias Culturais e Creativas organizada pola Deputación de Ourense

 A Ourense ICC Week, organizada pola Deputación de Ourense, mantén aberto o prazo da quinta edición do Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural ata o próximo 11 de abril. Prada, ourensán emigrado a Bos Aires, adicouse fundamentalmente á actividade social no eido da xestión cultural, no que deixou numerosas mostras dentro da colectividade galega.

Este galardón que entrega a Deputación de Ourense busca premiar o traballo cotián dos xestores de iniciativas culturais, tanto profesionais como aficionados. Concederanse tres categorías: aos proxectos promovidos por persoas físicas (tanto profesionais como voluntarias) ou por colectivos, cunha dotación económica de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, así coma unha escultura conmemorativa e un diploma acreditativo. O prazo para a presentación de candidaturas por parte de persoas físicas, colectivos culturais ou institucións públicas ou privadas do ámbito cultural, remata o 11 de abril. Este premio é o único en Galicia con dotación económica destinado a recoñecer exclusivamente a grande importancia que ten o traballo dos xestores nas industrias culturais e creativas. O xurado, composto por profesionais deste eido, conta con representación da Deputación de Ourense, da Xunta de Galicia e da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, unha entidade amplamente recoñecida no sector cultural e creativo.

O xurado fará público o ditame nos días previos a oitava edición da Ourense ICCWeek. O acto de entrega terá lugar o xoves 28 de abril, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, dentro da programación desta nova edición e contará con dúas intervencións de relevancia no mundo da xestión, que abordarán distintas cuestións que afectan aos profesionais deste ámbitos. Comezará a xornada, ás 20,00 horas, o relatorio do profesor de Economía na Universidade de Barcelona Manel G. Piñero  -que falará de “Innovación na xestión da cultura, reflexión e experiencias”-, continuando Mariana Pineda Carbó, directora da Fundación Contemporánea.

OS RELATORES 

MANEL G. PIÑERO. PROFESOR DE ECONOMÍA NA UB

Manel González Piñero é xefe de Investigación en CREB-UPC (Centro de Investigación de Enxeñería Biomédica),

profesor adxunto no departamento de Economía da Universidade de Barcelona e coeditor, xunto con Lluís Bonet, do libro “La innovación en la gestión cultural”, onde varios autores, entre eles o propio Manel González Piñero, fan unha aproximación á xénese, a política e aos retos da innovación no sector cultural a partir da análise de nove proxectos do mundo do libro, o teatro, a música e os videoxogos. Falará na súa intervención o xoves día 28 de abril ás 20,00 horas sobre “Innovación na xestión da cultura, reflexión e experiencias”. Forma parte do equipo académico da  Summer School, programa principal de Mosaic, o hub da Innovación e Creatividade de HEC Montreal, codirixido por Patrick Cohendet y Laurent Simon, ambos profesores de HEC Montreal.

MARIANA PINEDA. DIRECTORA DA FUNDACIÓN CONTEMPORÁNEA

Historiadora da arte e xestora cultural. No ano 2000 incorporouse ao Ministerio de Cultura, onde desenrolou funcións en materia de política cultural en Cooperación Cultural Internacional. Logo pasou á dirección xeral de Belas Artes neste ministerio, realizando funcións de asesoramento e asistencia técnica en museos estatais. No 2010 incorporouse á La Fábrica para coordinar diversos proxectos, e un ano máis tarde asume a dirección da Fundación Contemporánea. Dirixe proxectos de nivel nacional e internacional, vencellados ao ámbito da formación do xestor cultural: Observatorio da Cultura, Pública. Encuentros de Profesionales de la Cultura e dous mestrados -Máster L Fábrica en Dirección de Proyectos Culturales e Máster PhotoEspaña-.

ENTREGA DOS PREMIOS RODOLFO E RELATORIOS DE MANEL G. PIÑERO E MARIANA PINEDA

CANDO:  Xoves, 28 de abril, 20,00 horas

ONDE: Centro Cultural Marcos Valcárcel