O BNG presentará en Ourense este mércores 30 e nun acto público, a súa proposición de lei para un novo modelo de residencias

O acto, aberto ao público en xeral será no Centro Cultural Marcos Valcárcel a partires das 20:00 h. e contará coas intervencións da Viceportavoz no Parlamento galego Olalla Rodil, a deputada por Ourense Noa Presas e o portavoz municipal Luis Seara

Presentada a nivel nacional pola portavoz do BNG Ana Pontón o pasado 14 de febreiro, con este encontro, desde a formación nacionalista pretenden trasladar dito texto á sociedade en xeral, motivo polo cal, desde o BNG de Ourense veñen de organizar este acto.

AVANTAR ACTIVIDADES

O BNG considera que tras a pandemia non se pode seguir mirando para outro lado e facer como que non pasou nada. E unha obriga ética tomar nota, non se pode seguir cun modelo privatizado en mans de multinacionais ou de entidades relixiosas, nunha Galiza que ten a porcentaxe de prazas públicas máis baixo de todo o Estado, pese ao elevado nivel de envellecemento, cun 25% da poboación por riba dos 65 anos.

A proposición de lei que o Bloque presenta no Parlamento ten como obxectivo garantir o dereito a unha vellez digna e ese obxectivo require planificar un sistema de residencias público, tanto na titularidade como na xestión, así como humanizar os coidados con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas maiores.

Aumentar os rateos de persoal por categorías, un servizo de inspección eficiente e específico  e unha xestión transparente para que calquera cidadán interesado acceda á información dispoñible sobre o funcionamento, servizos, axudas, inspeccións e sancións de cada residencia do País son soamente algunhas das propostas recollidas no texto.

A cita é mañá mércores, a partires das 20:00h. e no Centro Cultural Marcos Valcárcel.